
Xosé María Álvarez Cáccamo lerá hoxe o manifesto do Día da Poesía
20 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A oitava edición do festival poético Alguén que Respira! alzará hoxe o pano para afondar na relación entre a poesía e a vida ata o sábado. Para iso reunirá a máis de corenta poetas, músicos e «performers», contando con voces internacionais chegadas, entre outros puntos, desde Palestina e Irlanda.
A programación comeza ás 12 horas no Principal cunha conversa entre os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari na que abordarán a súa experiencia de vida e escrita en situación do exilio. Xa pola tarde, ás 18 horas, o poeta, crítico e docente galego Xosé María Álvarez Cáccamo lerá o manifesto galego do Día da Poesía desde o balcón do Principal. Nel reivindica o papel da poesía frente á inxustiza e a violencia global. Ás 19 horas seguiralle unha das novidades desta edición, a sección «O que mutuo somos», con poetas que son parella. Esta primeira cita estará protagonizada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco (entradas esgotadas). Xa ás 20.30 horas, será o recital inaugural, no que destaca a poeta irlandesa Ailbhe Ní Ghearbhuigh. Acompañarana Samer Abu Hawwash, o alicantino Juanpe Sánchez López, o catalán Toni Juncosa e a galega Nieves Neira Roca.