Dolores Alende, da antiga fábrica de camisas Geyfe de Santiago: «Eramos nenas, o compañeirismo era total, e o señor Gelabert, un santo»
SANTIAGO

As mulleres xúntanse arredor dun xantar anual «moi contentas» por verse
24 mar 2025 . Actualizado a las 21:57 h.Criouse en San Lourenzo, aos doce anos a súa familia mudouse á Pontepedriña e con catorce Dolores Alende Cea entrou a traballar na fábrica de camisas Geyfe, que estaba a carón da ponte do tren, preto da súa casa. «Son a maior de sete irmáns, aínda que fomos nove. Miña nai estaba enferma, foi a primeira persoa trasplantada de ril en Santiago. Tiña que axudar á economía familiar e púxenme a traballar. En Geyfe estiven desde os catorce ata os trinta e tres, poucos anos antes de que pechase a fábrica», segundo relata Alende, que ten unha lembranza «moi bonita» daquela época. «O ambiente era moi bo e nunca vivimos ningún conflito laboral, ata o momento do peche da empresa, pero iso eu xa non o vivín», engade a antiga traballadora daquela industria na que case todas eran mulleres.
Lembra con gozo que o compañeirismo era «total» e que se «tapaban» unhas a outras. «Non podiamos falar, así que un día díxome o xerente —Marcelino Soto— que como seguise falando íallo dicir a meu pai. Mira ti como eran as cousas. Xa o señor Gelabert (socio director) dicía que el non tiña unha fábrica, que tiña unha escola. Sabía ben que eramos nenas, porque daquela con catorce e quince anos eramos nenas, nenas. Hoxe non», tal como advirte Dolores.
Ao principio traballaban nove horas en xornada partida, máis tarde reduciuse a oito en intensiva, de 7 a 15 horas; e dábanlles 500 pesetas á semana (3 euros), segundo recorda. «Era unha boa axuda para casa. Eu adapteime moi ben ao ver que as compañeiras eran coma min, todas de familias humildes, sobre todo dos barrios da Pontepedriña e Conxo. E logo marchei con pena porque estaba moi integrada. De feito, cando pechou a fábrica, fun traballar con compañeiras que tamén abriron negocios de confección», agrega Dolores.
Coser a máquina o canesú da camisa ao lombo, rematalas ou estar na cadea de produción foron tarefas que desenvolveu. “Eu era moi rápida traballando e o señor Gelabert estaba moi orgulloso de min. El sabía da enfermidade de miña nai e sempre me facilitou as cousas. Tiñamos unha relación moi humana. Foi bo ata o último momento. Era un santo», segundo destaca esta muller que, debido a estar moitas horas na mesma posición, acabou sendo operada das costas por un fillo do patrón, o neurocirurxián Miguel Gelabert González. E agrega que todo o cadro de persoal lle fixo unha «emotiva» homenaxe no Hotel Peregrino ao que asistiu a súa familia.
Agora, as compañeiras de Geyfe levan tres anos xuntándose arredor dun xantar. Na última comida reuníronse medio cento no Hotel Santiago Apóstolo. «Poñémonos moi contentas e queremos seguir véndonos, porque cada ano é un ano ganado. Dáme moita mágoa cando morre unha de nós. Pensa que naquela convivencia laboral botabamos máis horas xuntas que na propia casa», sinala Dolores, unha muller activa de animada.
A historiadora Encarna Otero inclúe Geyfe no segundo volume de Mullleres en Compostela, ilustrado por Daniel Pagans e publicado o ano pasado por El Patito Editorial. Sitúa a actividade da fábrica de camisas e pixamas entre os anos 1960 e 1991 e atribúelle un emprego aproximado de 220 persoas, case todo feminino. «Pioneira en moitos dereitos sociais, dispoñía de médico de empresa, o persoal contaba con revisións periódicas e tiñan un mes de vacacións, quince días por casamento e tres meses tras o parto», segundo figura no texto dedicado a Geyfe, cuxa produción «exportaba a toda España». A nave téxtil foi demolida en 2007 para facer o edificio residencial que é hoxe en Pontepedriña.
A demolición da fábrica. A nave, abandonada desde principios dos noventa, foi demolida en 2007. Aínda gardaba reliquias do seu pasado: patas das mesas de traballo, botóns de todas as cores, pranchadoras, máquinas de coser Singer, patróns, mostrarios de teas, etiquetas coa marca Geyfe… cristais rompidos, ferros oxidados, roña, humidade… E un almanaque de 1990.