Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Faia estreará o seu segundo disco en solitario o 23 de abril no Teatro Principal de Santiago

La Voz

SANTIAGO

Arancha Brandon

As entradas poñénse este martes á venda a partir das 11 horas

25 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

23 de abril • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros (Entradas á venda desde hoxe ás 11 horas) • Faia presentará o seu segundo disco en solitario, «Alvela», nun concerto o vindeiro día 23 no Teatro Principal de Santiago. Polo de agora, o único que se coñece deste novo traballo da cantante, creadora e historiadora da arte é o tema «E se queres», dispoñible en plataformas dixitais e que está acompañado dun vídeo.

No concerto no Teatro Principal, Faia Díaz estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e o cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, que está integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín, viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo).

Este segundo disco estará conformado por dez temas que abordan a experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, así como a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer, anuncian. Faia revisita nesta proposta arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas. O traballo conta coas colaboración de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, de Vacas e Suelen Estar Quartet. As entradas para este concerto de presentación póñense hoxe á venda ás 11 horas na web de Compostela Cultura e na Zona C.