Fran Cañotas: «Comer é o mellor do mundo»

ARZÚA

Fran Cañotas, con la chaqueta roja, en el programa
Fran Cañotas, con la chaqueta roja, en el programa CARLOS CORTÉS

«En xeral paseino ben», di o presentador sobre o confinamento

12 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha conversa con Fran Cañotas (Arzúa, 1992) é equivalente a corenta minutos de intenso exercicio cardiovascular. Polo menos. Que enerxía, que entusiasmo! E que mágoa ter que facer estas entrevistas por teléfono. Cañotas come a comarca, a tele e o que faga falta. Non lle quiten ollo. É o futuro.

-No seu carné non pon nada de Cañotas, chámase Francisco Rego.

-O de Cañotas é un alcume familiar. Parte da miña familia vén dunha aldea de Arzúa que se chama A Cañota. Meu pai herdou o alcume e levámolo tamén meu irmán e mais eu.

-Aínda non volveu traballar.

-Estamos esperando que se abran as fronteiras para levar adiante un novo proxecto. Mentres, vexo os programas, porque aínda non os vira. Estou vendo moitas cousas que non tiña nin idea que pasaran.

-Como levou o confinamento?

-Non tiven maior problema. Eu son moi friki: teño plataformas dixitais, tropecentas consolas, lin bastante... así pasoume bastante rápido, máis do que esperaba. Tiven algún momento de baixón, porque non podía ver a meus pais, pero en xeral paseino ben.

-Este episodio vainos cambiar en algo?

-Non cambiamos. Pode que a algún lle servira para facer unha reflexión persoal, pero á maioría non. Incluso houbo xente á que lle puidemos ver a peor parte. Mais tamén a máis positiva doutros. Un confinamento de dous meses non cambia á xente: o que cambia á xente é a educación.

-Vaiamos ao programa. Como o pasou facéndoo?

-Foi marabilloso. Eu estou superagradecido. Se me din agora que teño que facer dez temporadas máis digo que si cos ollos pechados. Foi moi bonito descubrir toda Galicia, as comarcas, a súa forma de ser... Hai tantas formas de ser en Galicia como comidas, e eu de cociñar non teño nin idea, pero de comer si, son todo un experto. É o mellor do mundo.

-Cando rematou de gravar o programa cantos quilos gañara?

-Ha, ha! Eu calculo que catro quilos fácil. Pero xa os baixei. Aproveitei o confinamento para facer exercicio. É que botaba dende o martes pola noite ata o venres pola tarde fóra da casa, comendo nos hoteis ou nos restaurantes nos que iamos gravar. Non podía dicir que non, eu son unha persoa educada.

-Onde comeu mellor?

-Uf! Moi difícil. Pero no Salnés... Flipei. O día que fomos gravar a Javi Olleros... É outro nivel. É unha persoa especial. No Salnés cómese moi ben, pero na maioría dos sitios comemos de marabilla.

-Deixei de facer esta pregunta porque todo o mundo me respondía o mesmo, pero vou probar outra vez: onde se fai a mellor empanada de Galicia?

-Uf, que preguntaza! Que lle respondían?

-Dicíanme que «na miña casa». Pero non se deixe influír.

-Ha, ha! Ten sorte, porque na miña casa non se fai empanada. A empanada de cunchas que se fai en Noia, Porto do Son e toda esa zona a min paréceme marabillosa. É que o berberecho cócese dentro da cuncha e vai soltando todo o zume, cócese na cuncha e non o absorbe a empanada. E iso queda... É unha pasada.

-Que lle sorprendeu máis do que viviu no programa?

-Houbo varias cousas. Unha foi o calleiro de Fisterra, que é unha sobremesa que se fai co estómago do porco. Éncheno co pan reseso, leite e noces ou pasas, cérrano e póñeno a cocer dúas horas. Claro, dito así, dirás: «Que asco!», pero unha vez que sae do forno estaba boísimo. Sabía como mazapán. Tamén me sorprendeu a lamprea. É como Tarantino, ou che gusta ou a odias.

-De verdade non cociña?

-Nada, cero. Só cousas ao forno. Pero se teño que facer un guiso mellor non veñas, porque podes acabar intoxicado.

-Ha, ha! Vostede tiña que acabar na tele, seguro.

-Xa o dicían cando era pequeno: vas acabar no espectáculo. Eu era o faranduleiro da vila.

-Que lle gusta facer no tempo libre?

-A verdade é que o programa espertoume unha certa afección a comer, e un día á semana vou comer cuns colegas de Arzúa a algún sitio. É moi guai. Que máis? Pois agora meu irmán e mais eu temos unha lancha pneumática e imos ao encoro de Portodemouros a facer wake.

-«Wake»?

-É coma o esquí acuático, pero cunha táboa de snow. Tamén, xa lle dixen, son moi friki dos videoxogos... E sobre todo gústame quedar coa xente. É moi raro que eu quede unha tarde na casa. Tamén fago teatro, toco a batería... Miña nai investiu moito no meu futuro e meteume en todas as cousas que había.

-Xa vexo. Veña, unha fácil: Celta ou Dépor?

-Uf. Son do CSD Arzúa.

-Dígame como é vostede en só catro palabras.

-Vaia, co que falo eu! Sociable, alegre... Non sei se presumido ou como dicilo. Son o principal defensor do meu traballo. Tamén son moi autocrítico.

-Tatuaxes?

-Non. Gustaríame facer algún con meu irmán, así pequeniño. Ao final fíxoo el e non o fixen eu, ha, ha!

-Dígame unha canción.

-O carro, de Treixadura.

-Que é o máis importante na vida?

-A felicidade. Estar contento contigo mesmo. Estar ben.