A restauración do retablo maior de San Xián de Laíño

Manuel Lorenzo Baleirón

DODRO

SANDRA ALONSO

O retablo que se ven de restaurar foi rematado o 29 de novembro de 1756

03 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Vense de rematar a restauración do retablo maior da igrexa de San Xián de Laíño (Dodro, A Coruña) grazas ó donativo xeneroso da Comunidade de Montes e ás xestións, entre outros, do cura párroco, Francisco Lampón.

Para elaborar este pequeno artigo botamos man das notas que no seu día tomamos do Libro de Fábrica que se garda en San Martiño Pinario e da magnífica tese doutoral de Iván Rega sobre os retablos barrocos no sur diocese de Santiago de Compostela. Entre 1716 realizáronse cambios na cabeceira do templo e pagáronselle a Benito Collazo 900 reais de vellón polo pintado e dourado dun novo retablo que substitúe ó anterior de 1676. Entre 1740 e 1745 derrúbase a antiga igrexa de Laíño e constrúese o templo actual.

O retablo que se ven de restaurar foi rematado o 29 de novembro de 1756, sendo párroco de Laíño Diego Gil e Taboada, probablemente familiar moi directo do arcebispo Cayetano Gil e Taboada. Aínda que descoñecemos o autor, non hai dúbida de que foi executado por un entallador de renome entre os que traballaban na fábrica catedralicia.

A estrutura é de tres rúas. Nas laterais figuran as fornelas do patrón Santiago co hábito de peregrino (coa esclavina e co baloiro na man e o zurrón no flanco) e a escultura de San Xoán Bautista, a modo de anacoreta, sinalando o Agnus Dei. Na rúa central un baldaquino sobre columnas pareadas acolle o sagrario e un neno Xesús «ó nazareno» baixo unha pequena bóveda rematada pola imaxe da Fe, inzada de pináculos, a xeito de copóns. No corpo central, no lugar máis privilexiado do conxunto, aparece a fornela do patrón San Xián sobre unha peaña que sobresae en planta, tamén entre columnas. Leva unha pomba na man e na outra a palma do martirio. Vai vestido de cabaleiro e ten adiantado un pé como se fose iniciar o paso dunha danza. En dous clípeos situados no ático semicircular, descritos no Libro de Fábrica parroquial, prefiguracións quizais da alma e da súa unión mística con Deus, represéntanse o esposo e a esposa, esta cun delicado colar, tal e como se recolle no Cantar de Cantares. A rúa central aparece coroada pola Inmaculada Concepción que asenta os seus pés sobre o crecente da lúa e polo Espírito Santo entre querubíns no cume do altar.

Despois de catro xeracións esculpindo e restaurando retablos por Galicia adiante, no taller de restauración dos Garrido (A Valenzá, Ourense) coñécense os antigos segredos da talla e do dourado. Desde a elección da madeira de castaño, a elaboración da imprimación con cola de coello, a escolla de arxilas e de cales, de pigmentos, do bol amarelo e do de Armenia. Fálannos o mestre imaxineiro José Luís Garrido e Lucía, a súa filla, da riqueza das follas do pan de ouro, que neste retablo de Laíño mesmo se emprega en lugares agochados ós que a vista non chega, ou de que as columnas foron baleiradas na súa parte posterior para evitar as gretas lonxitudinais da madeira e para alixeirar o peso.

A magnífica restauración do taller dos Garrido permítenos apreciar agora na labra do pan de ouro da predela os contrastes lumínicos entre as zonas opacas e mates e as outras máis brillantes, brunidas coa pedra de ágata, e que lembran polo que nos di Lucía Garrido as calidades dos guadamecís no traballo do coiro. Xa o propio Iván Rega apuntara este e outros aspectos no seu estudo, como a posible inspiración de algunhas das tarxetas da predela en modelos da forxa semellantes a «ferronneries» e ferraxes.

Podemos contemplar de novo en todo o seu esplendor os dourados e corladuras que revestiron acantos e volutas, óvalos, roleos, grilandas, lambrequíns, asombrarnos co vermellón das calzas e da casaca do San Xián, cos esgrafiados da vestimenta da Inmaculada e co azul intenso, case negro, do seu manto, cos farrapos da pelella do Bautista e coas carnacións nas que o escultor se demorou en reproducir os máis miúdos detalles anatómicos.

Case trescentos anos despois, nestes días que devalan cara o outono, volven a arder aquí, nas ribeiras do Ulla, as labaradas de ouro do barroco no retablo de San Xián ou San Xiao de Laíño.