«Esta crise vai contribuír a mudar a mentalidade da nosa sociedade»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

CEDIDA

«Xa contactei co hospital: se me precisan, estou disposto a traballar de novo», afirma

18 mar 2020 . Actualizado a las 10:23 h.

«Estes días aproveito o tempo para retomar lecturas que tiña pendentes. Tamén fago algo de exercicio na casa, e poño ao día cousas atrasadas», afirma Xesús Pedreira, quen pasa no seu domicilio esta situación de alarma e de emerxencia sanitaria. «É unha responsabilidade de toda a sociedade colaborar, é moi importante agora acatar as normas, e é triste ver como hai quen non o fai, pois iso non é ser solidario, xa que este é un problema moi serio, dun virus que non coñecemos, que polo que se ve se propaga moi rápido. Tamén debemos pensar nas persoas máis maiores ou con problemas do seu sistema inmunitario, que son as de máis risco para a súa saúde. Por iso que é unha responsabilidade moi seria. Estar 15 ou 20 días na casa, se nos organizamos ben, non debe ser tan difícil, sobre todo sabendo os riscos que pode supor esta situación», acrecenta.

Xesús leva un ano xubilado, tras exercer 42 no laboratorio central do hospital. «É difícil esquecer todo ese tempo, e de feito os últimos días antes de deixar a actividade notaba tristura. Aínda me parece que estou nunhas vacacións. Agradezo moito a despedida que me fixo o persoal do laboratorio, tanto facultativos como colegas de enfermaría ou técnicos. Estes días xa contactei co hospital: se me precisan estou disposto a traballar de novo, pedín que así llo comuniquen á dirección de enfermaría. A miña dispoñibilidade para a reincorporación é total, de ser necesaria. Ben sei que onde máis traballo teñen por mor do coronavirus é no laboratorio de microbioloxía. Eu traballaba no laboratorio central, que tamén ten sempre moita actividade polas analíticas para a asistencia das persoas ingresadas, aínda que estes días tamén se restrinxen e aprazan análises que se poden facer máis tarde. A prioridade é a xente ingresada. A incidencia do novo virus en Galicia e na área sanitaria de Santiago hoxe aínda non é alarmante. Porén, non é unha parvada, por iso é tan importante gardar as normas e estar na casa», indica.

Pedreira defende que «a pesar deste instante tan difícil hai que encarar o futuro, que vai ser diferente. Esta crise vai contribuír a mudar a mentalidade da nosa sociedade, e penso que tamén se vai aproveitar para que non se repitan fallos que poda haber. Tamén en sanidade vai haber que mellorar: grazas a que temos un sistema sanitario tan bo estamos mellor preparados para esta crise ca outros países, como se pode comprobar», defende.

Xesús manifesta que «sempre tentei que se notase o meu traballo por onde pasei». Do seu período profesional lembra con especial interese «cando fun delegado de prevención de riscos laborais. Traballei moito, con Fátima Nercellas e con outras persoas, para mellorar as condicións laborais en urxencias. Tamén foi no seu momento participar co neurólogo Javier Vadillo e con máis profesionais nunha asociación contra o acoso laboral», refire. Presidiu o Colexio Provincial de Enfermaría, onde se preocupou pola profesión.

Dedicou esforzos á política: «Participei como secretario xeral da agrupación socialista de Ordes e fun 12 anos concelleiro de Ordes, catro deles como tenente alcalde. Contribuín para mellorar o centro de saúde e para diversas iniciativas».

No ano que leva xubilado mantivo a actividade política: «Continúo como secretario provincial do PSdeG-PSOE en temas sanitarios, un posto onde xa comezara antes. Este ano tiven bastante actividade para atender demandas de agrupacións socialistas da provincia, por temas como a falta de pediatras ou problemas derivados dos recortes sanitarios. Tentei contribuír coa miña experiencia en varios concellos».