Luis Varela, catro décadas trala barra do bar LV de Rois: «A xente era máis taberneira antes»
ROIS
Xubílase despois dunha vida no establecemento que abriu na Antequeira con 24 anos
24 ago 2024 . Actualizado a las 08:28 h.Luis Varela Millares cumpre 65 nuns días. Corenta deles botounos detrás da barra do bar LV da Antequeira, no concello de Rois, que abriu con 24 anos no antigo comedor da tenda de ultramarinos de súa avoa Concha. O bar, que actualmente xa está alquilado a outro titular, chamábase pola iniciais do titular: L V. Iniciais recreadas nunha parede do local con banderillas de corridas de toros.
Luis Varela asegura, tranquilo, que «non me xubilo con pena. Voume dedicar a pasear, pero en coche, e a visitar as amistades», revela. O negocio de agora non é como o dos comezos, explica, cando abría a porta antes de que partise se Rois o primeiro autobús da mañá en dirección a Santiago, nuns tempos nos que ían moitos veciños a traballar á capital de Galicia porque no Sar aínda non había industria. «Non había coches nin motos e o primeiro bus da empresa Caeiro saía ás 6,45 horas da mañá. O bar xa estaba aberto a esa hora», conta Luis. E aberto quedaba todo o día e «todos os días da semana», engade. E el ao pe do canón continuamente, salvo épocas nas que tivo camareras, en concreto dúas. «Non podíamos ir a vodas nin a outras festas porque non se podía pechar; se o facías xa pensaban que eras rico», lembra entre risas o veciño de Rois, quen tamén foi socio, durante pouco tempo, doutro bar en Iria, en Padrón.
Corenta anos dan para ter moita clientela e así foi e, ademais, moi fiel, precisa. Tamén dan para que mude o negocio ata o punto de que asegura de que «a xente era máis taberneira antes». No LV había partidas de cartas todos os días, algunhas tan longas que comezaban ás catro da tarde e remataban á unha da madrugada, cando pasaba a patrulla da Garda Civil e, dende o coche, lle ensinaba o reloxio ao titular para que botase o peche. «Eran partidas de alto nivel», di entre risas Luis Varela, que engade que no LV ten habido colas para xogar á maquina tragaperrras. Tamén houbo unha peña que xogou á quiniela durante moitos anos, coa fortuna de que a un dos membros sacouno de traballar. Formar a peña, lembra Luis, quizais estivo relacionado con que, pouco antes da apertura do bar, na Antequeira comezou a funcionar a primeira oficina que houbo do Banco Pastor e na que chegaron a traballar catro persoas.
Como este recordo, na memoria de Luis quedan moitas anécdotas e momentos vividos e na retina dos clientes quedan as letras LV recreadas con banderillas; os carteis das corridas de toros (das que é un gran afeccionado); aquel escrito que dicía hoxe non se fía, mañá si ou cachucha seca colgada sobre unha porta e que recibía o nome do rei do úrico.
Cando Luis Varela abriu o seu bar na Antequeira, estaban tamén As Palmeras, Ferreirós, a de Marcial e, un pouquiño máis lonxe, a do Canteiro. Deses so queda aberto o seu, pero xa con outro nome, o Malecón, alquilado a unha familia de orixe cubano asentada na comarca. Os outros dous locais de hostalaría en activo do centro de Rois, A Lúa e a Máscara, tamén teñen titulares novos.