Eles non naceron en Galicia, pero falan e sorprenden co seu galego: «En Padrón tiven que sacar o carné porque non crían que fose valenciano»
VIVIR SANTIAGO
Un é profesor de trompa no conservatorio de Santiago. Outro, residente en Ames, é tripulante do avión de Salvamento Marítimo. Desde que chegaron a Galicia, non dubidaron en abrazar a nosa lingua
16 may 2024 . Actualizado a las 12:33 h.Non naceron en Galicia, nin se educaron na nosa lingua, pero unha vez establecidos aquí, non dubidaron en falar e abrazar o galego. «Para min, aprender o idioma propio é o mellor xeito de integración; permite comprender mellor a cultura propia. Todo iso valóroo moito. Dende sempre gustáronme e respectei moito ás linguas», remarca Jorge Fuentes, o músico valenciano -da localidade de Vilamarxant- de 41 anos que imparte clase de trompa no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, onde, se non revela a súa procedencia, os alumnos pensan que é galego.
«Eu coa miña nai falei sempre en valenciano, mentres que co meu pai en castelán, ao ser el de Córdoba. Xunto a eles viña nos veráns desde Valencia a Galicia. De feito, con 9 anos, xa era seguidor do Dépor», revela, admitindo que nesta fin de semana vibrou co ascenso.
Dende neno a súa vocación foi musical e, entre os distintos lugares nos que pensaba para establecerse, sempre destacaba Galicia. «Con 18 anos comezo, aínda en Valencia, a estudar galego. O pai dun amigo, que nacera aquí, dábame clases na súa casa nas fins de semana. Tras rematar os estudos musicais, comecei a traballar por distintas zonas de España, como Teruel, Ciudad Real ou Madrid, sen perder nunca de vista a posibilidade de vir a Galicia. Sabía que para acceder a unha praza aquí tiña que pasar o exame do galego e, por iso, seguinme formando. Fixen a oposición e, con 24 anos, chamáronme para unha substitución curta en A Coruña. Logo volvín marchar, a Madrid ou a Valencia. Pouco despois, regresei de novo a Galicia, en concreto, a Pontevedra, para dar clase no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga. Pola propia idiosincrasia do centro, xa que moitos dos seus alumnos viñan de núcleos rurais, nos que se fala máis galego, moitos se expresaban nesa lingua. Tiven claro que o que tiña que integrarme era eu. Entre escoitar sempre galego e facer cursos, fun perfeccionando pouco a pouco o uso do idioma», admite, aclarando como, curiosamente, a súa etapa no estranxeiro lle empuxou a seguir falando en galego.
«Neses anos trasladeime a Suiza, onde vivín cos familiares dun dos alumnos aos que dera clase en Pontevedra. Eles eran de Padrón e na casa seguía falando en galego», comenta sorrindo e explicando que, tras tres anos, regresa de novo a Galicia, neste caso a Lugo, un breve impasse tralo que, por segunda vez, volve marchar a Suiza, a Lausana.
«Foi simpático porque foi alí onde coñecín a Paula, unha ourensá de Trives, que se trasladara a esa cidade suiza a facer unha estadía de formación. No 2015, xa xuntos, volvemos finalmente para Galicia e nos establecemos aquí, inicialmente en Ourense. No 2020 chegamos a Santiago, onde eu dou clases no conservatorio e Paula na Facultade de Empresariais da USC», explica, compartindo que á súa primeira filla -ten dúas- no dubidaron en chamala Icía, nome, en galego, da patroa dos músicos. «Paula ás nenas fálalles en galego e eu en valenciano. Canto máis linguas dominen, mellor», sostén.
«No conservatorio eu imparto clase a alumnos procedentes de varias localidades, como Santiago, Rianxo, O Pino ou Valga. Moitos falan en galego e ese é o idioma que maiormente emprego. Alucinan cando lles digo que non son de aquí», recoñece, non errando en case ningunha palabra en galego. «Lembro que unha vez, estando en Padrón, xente que coñecía me preguntaba, polo acento, de que zona da costa era. Xa lles dixen que era da costa, pero de Levante. Non o crían e tiven que sacar o carné», comenta divertido.
«O máis importante é intentar falalo. É unha riqueza que non se debe perder. Canto máis podamos axudar, sexamos ou non galegos, mellor», afianza sen titubeos.
De Barcelona a Milladoiro
Tamén en galego exprésase con normalidade Pau Ontiveros, un barcelonés de 44 anos que xa leva 13 na nosa comunidade. Ata aquí chegou, xunto a súa muller, por motivos laborais. El é un dos tripulantes do avión de Salvamento Marítimo. Recoñece que no seu traballo o idioma maiormente empregado, xunto ao castelán, é o inglés, polas comunicacións internacionais. Aínda así, no día a día, el trata de falar sempre en galego.
«Na casa o meu idioma habitual é o catalán. A miña muller tamén é de alí e así nos comunicamos cos nosos fillos, para que tamén aprendan ese idioma. De todas formas, ao chegar aquí, por motu propio, e por valorar a importancia de conservar as linguas e culturas propias, non dubidei en intentar falar cada vez máis galego. Lembro que unha das primeiras palabras que aprendín e usei foi amorodo», lembra. «En Milladoiro, no concello de Ames, onde nos establecimos, apunteime xa de inicio nun obradoiro no que te daban unhas pinceladas de galego. Tamén asistín a un curso do Celga», engade, amosando o seu interese.
«Moita xente, por educación, cando se dá conta que son catalán cambia ao castelán, pero eu xa lles digo que agradezo que me falen en galego. Así é como podo mellorar. Ao escoitar sempre un idioma é cando se acostuma a orella. Fáltame aínda controlar vocabulario e hai cousas que se me complican, como a conxugación dos verbos ou o pronome te/che. Aí creo que é onde máis se me nota que non son de aquí», sinala sorrindo, e admitindo o seu constante esforzo.
Con ledicia, comparte un dato que amosa a clara integración familiar no entorno. «Un dos maiores orgullos para min é ver que os fillos sacan moi boas notas en galego. Da maior, a mestra, na súa valoración, escribiu que parece máis galega que algúns compañeiros polo ben que fala», destaca.