A webserie dun instituto de Santiago sobre o seu día a día, entre conflitos, emocións, silencios e conversas, xa finalista nuns premios

VIVIR SANTIAGO

Un total de 62 alumnos de 4º da ESO do IES Arcebispo Xelmírez I crean o proxecto «Escóitasme?». «Hoxe sabemos que unha webserie non é só coller un móbil e gravar. É crear, poñerse no lugar do outro e, sobre todo, escoitar», destaca unha alumna
27 abr 2025 . Actualizado a las 11:33 h.Será o domingo cando se coñeza se unha webserie -Escóitasme?- realizada polos alumnos de 4º da ESO do IES Xelmírez I de Santiago resulta vencedora do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego na 12.ª edición do festival Carballo Interplay. «Para o instituto e para os alumnos, aínda incrédulos do xa conseguido, ser finalista xa é todo un premio», aclara Nuria Quintas, docente encargada da materia de Proxecto Competencial e coordinadora do traballo. «Eu sobre todo estou moi satisfeita polo que traballaron os alumnos; asombroume a calidade do feito. Os rapaces, se lle damos voz, teñen moito que contar... Relatan as súas preocupacións. Foi unha sorpresa descubrir realidades das que non sempre es consciente», razoa a docente, aclarando a orixe do proxecto.
«Eu veño do audiovisual e, no pasado verán, un compañeiro suxeriume que fixese algo relacionado co meu eido, e que motivase aos alumnos. Ofrecésmoslles a dúas clases, a un total de 62 estudantes, a posibilidade de que, partindo dunha realidade que coñecesen ben, transformasen o que viven e o que senten nun produto audiovisual que fose, ao tempo, creación, reflexión e mensaxe. A idea, os guions, os personaxes… Todo naceu deles. O tema escollido, a convivencia do día a día no instituto, foi tamén elección propia. O resultado son guions que abordan esa convivencia que custa, que desafía, que require parar, mirar ao outro e poñerse no seu lugar», realza Nuria, recollendo en parte as verbas que pronunciou o xoves diante dun xurado, dentro do proceso de seren finalistas do Carballo Interplay.
«Nas clases fixéronse moitos grupos de 2 ou 3 alumnos e, dende o inicio, traballouse de forma profesional, por funcións, como a do guion, produción, interpretación, son, imaxe, difusión... Era importante que os rapaces tamén foran conscientes dos perfís profesionais, como o dun cámara, que hai tralos vídeos; que non todo é gravar e subir ao momento ás redes, a TikTok», reflexiona. «Durante a defensa pública da candidatura tamén falou Noa, unha alumna, en representación dos seus compañeiros, e fixo fincapé niso. Dixo: ''Ao principio todo parecía fácil. Pero non o é. Pasar das ideas ao guión foi complicadísimo. Tiñamos moito que dicir, pero non sabiamos como. Tivemos que aprender a condensar emocións en diálogos, a decidir que se ve, que se insinúa, que se cala. Hoxe sabemos que unha webserie non é só coller un móbil e gravar. É pensar, crear, escribir, poñerse no lugar do outro, mirar máis alá do noso. E sobre todo, escoitar''», comparte a docente, moi satisfeita pola implicación dos alumnos desde o primeiro momento.

«As temáticas tratadas foron diversas, sempre de cousas que lles preocupan, como a inclusión ou as redes. O primeiro dos dez guions centrábase en tres mozos e nunha goma do pelo, que semellaba marcar territorio. A chica dáballa ao seu mozo. Nese primeiro capítulo, ela, sen embargo, ve ao mozo coa súa mellor amiga. Tanto nese episodio como nos outros algo importante é que se recolle, e se fai fincapé, nos denominados Equipos A, grupos de alumnos que actúan como mediadores en conflitos do centro -e que existen en realidade no noso instituto- co propósito de axudar, acompañar e atender ás súas compañeiras e compañeiros», detalla a docente, recoñecendo que en ocasións son estes mediadores os que son conscientes de problemas que ao profesorado se lle poden escapar. «Outro guion céntrase no patio, co desencontro dun rapaz que non asume que unha alumna poida xogar mellor que el ao fútbol», prosigue. «O último reflexiona sobre o feito de que a pesar de pasar moitas horas xuntos, ás veces os rapaces non se coñecen. Nese derradeiro capítulo unha mochila dun alumno chega a casa doutro e este dáse conta ao mirala que teñen cousas en común...», valora.

«Cando se estreou en decembro a serie Invisible, en Disney +, que versa sobre o acoso escolar, os alumnos sorprendéronse ao ver que certos temas xa os trataran eles nos seus guions, que nese momento xa tiñan moi avanzados», lembra.
«Desde o principio, quixemos facer ficción para contar verdade, para que os alumnos trasladasen o que pasa nos corredores, o que non sae nas redes, o que moitas veces calan. Lograron reflectir o día a día dun instituto, cheo de luces e sombras, de aprendizaxes e conflitos, de emocións difíciles, de silencios longos e conversas necesarias», subliña a docente. «Pensamos que os rapaces están alleos e esta webserie proba a importancia de darlles voz», conclúe.