Coñecín a Andre Geim en 1999, nun congreso anual de magnetismo celebrado en California. Alí expuxo o traballo polo que era «popular», malia ter un currículum xa brillante: facer flotar ras con imáns. A xente partíase de risa nas súas charlas, pero cheiraba que estábamos ante alguén que, coa súa mirada de perenne cachondeo ante os retos que se lle poñían diante, estaba destinado a grandes cousas. Así, cos anos foinos sorprendendo, poñendo como coautor dun artigo ao seu hámster, ao descubrir unha cinta superadhesiva baseándose no gecko , un lagarto (ilustrou o achado cun Spiderman de trapo e mesmo creou un novo heroe, o Geckoman)... Con ese humor abordou un problema irresoluble ata o 2004: obter o grafeno, un material de fantasía consistente nun manto de hexágonos de carbono dun só átomo de espesor. A solución, na súa liña: pegarlle un cacho de cinta adhesiva a un cacho de lapis e arrancala, como ao depilar as pernas. Dun xeito igualmente creativo confirmou que tivera éxito e comezou unha serie de espectaculares descubrimentos: ese material era o máis delgado e forte que xamais se conseguira, conduce electricidade e calor perfectamente, é transparente, pero ao mesmo tempo non deixa que nada o atravese; pode cambiarse e mesturarse creando un mundo de posibilidades prácticas que cambiarán a nosa tecnoloxía doméstica nos próximos anos... O grafeno, ao mesmo tempo, seduce aos teóricos, ao ser o escenario perfecto para o teatro da Física en dúas dimensións, un teatro nacido da arte dunha nova mirada.