Foi un fermoso xesto o de Ana María Matute, no discurso da cerimonia de recepción do Cervantes, ao alzar a voz en contra do triste costume, por desgraza cada vez máis estendido, de mutilar os grandes contos clásicos da literatura universal -eses que, como lembra ela mesma, non sempre foron só para nenos- en aplicación dos preceptos diso que se deu en chamar o politicamente correcto, que non é senón outra das múltiples maneiras de intentar quedar ben a toda costa sen gastar un peso. Abonda con volver un instante, por poñer un exemplo, á versión deses contos, fortemente asentados sobre a tradición oral, que deu á imprenta o Señor de Perrault (durante anos, por certo, estreito colaborador de Colbert, o tan celebrado ministro de Luis XIV de Francia, o Rei Sol), para que un poida reencontrarse coa impagable maxia do que vivirá para sempre. É magnífico retornar a esas páxinas, preferiblemente nalgunha edición ilustrada por Gustavo Doré, e constatar a vixencia de historias como a do Gato con Botas, que despois de ser deixado en herdanza ao pobre fillo dun muiñeiro, que sen dúbida ata pensou máis dunha vez na posibilidade de comelo, decide torcerlle o brazo ao destino e consegue levar o seu amo ao cumio da sociedade a base de enganos e de finximentos. Ou a do minúsculo fillo dun leñador que, despois de ser abandonado no bosque cos seus irmáns, logra facerse cos tesouros do ogro que quería devoralo. Nada, o dito: todo de actualidade, hoxe mesmo.