Edu Lavandeira: «David Perdomo vaise transformar en estereotipos da sociedade galega»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Isabel Vázquez

Televisión de Galicia estrea o próximo martes o programa de humor e pura comedia «Ecce Perdomo»

23 jun 2019 . Actualizado a las 08:35 h.

O programa de humor Ecce Perdomo, protagonizado polo actor e cómico David Perdomo, será unha das grandes apostas de Televisión de Galicia para a súa programación de verán, que agora arranca. A partir do vindeiro martes, Perdomo terá que transformarse nos distintos estereotipos de persoas que conviven na sociedade de galega, dende o pijo de cidade que xoga ao golf ao mariñeiro que vai ao mar, o vaqueiro, o afeccionado ao fútbol, o adolescente enganchado ao móbil e o cantante de verbena. Todo en clave de esaxeración e comedia pura. Detrás das cámaras do espazo estará o director Edu Lavandeira xunto ao resto do equipo que firmou tamén o espazo Buscadores de naufraxios, gañador este ano do premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión. Serán en total trece capítulos de media hora de duración.

-¿En qué consistirá este novo espazo de TVG?

-Ecce Perdomo é un programa de humor e comedia presentado por David Perdomo, o primeiro no que el é protagonista. Perdomo, que se caracteriza por ser un intérprete camaleónico e por representar a personaxes de diferentes tipos, aquí vai interpretar en cada capítulo a un estereotipo de persoa galega. Para facelo, vai ter que coñecer previamente a xente diferente, o que lle vai axudar a transformarse despois para o sketch final de cada programa. É dicir, vaise transformar en estereotipos, véxase nunha señora galega, nun home do rural, nun rapaz adolescente, nun vaqueiro galego, nun pescador, nun músico de folk... En total trece personaxes distintos, un por cada capítulo. Primeiro vai ir por Galicia entrevistando e falando con xente que, en ton de comedia, vaille axudar e dar trucos á hora de vestir, de falar, de comportarse... E todo iso el vaino adaptar á comedia pura e vaino adulterar para facelo máis delirante, máis estrambótico e esaxerado. Así que, por un lado, é comedia pura e dura, pero, por outro, trátase de ver como somos os galegos e de comprobar se os estereotipos que temos sobre determinadas persoas se cumpren. Se un pijo é como supoñemos; se un mariñeiro ten os gustos e afeccións que imaxinamos ou non... Intentamos confirmar ou desmentir aquelo que pensamos.

-Como se adaptou o protagonista do programa a cada un dos desafíos?

-Antes do sketch final, Perdomo vai facendo un traballo de campo similar ao de moitos actores para meterse nun personaxe. O primeiro capítulo será o dedicado ás señoras e, para meterse na súa pel, irá facer a compra a un mercado, a unha perruquería e estará con dúas cantareiras moi simpáticas. Toda a xente que sae no programa é moi interesante por si mesma e ten moita personalidade. Fixemos un traballo de selección moi exaustivo para que representasen ben aos personaxes dos que estamos falando. Na primeira parte do programa os verdadeiros protagonistas son eles. E despois está o papel de Perdomo como condutor e tamén como sufridor, porque o facemos padecer un pouco para que vaia aprendendo.

-¿E no aspecto formal?

-A nivel técnico, o programa ten un punto que o fai diferente, porque a montaxe ten un ritmo vertixinoso e conta con algún chiste e con efectos de son que reforzan o ton de comedia. E na guinda final o protagonista é el mesmo ao 100 %. O programa ten esas diferentes vertentes de ver á xente que participa, que é espectacular; de ver a Perdomo nun rexistro distinto ao que acostuma; de confirmar ou desmentir os tópicos; e de percorrer Galicia para facer a radiografía de como somos os galegos.

-O título de «Ecce Perdomo» xa é moi potente.

-Si, ven dado por ese xogo de palabras entre o Ecce Homo de Borja e o apelido de Perdomo como paradigma da transformación. Por un lado, a señora Cecilia levou a cabo a transformación dunha obra de arte noutra cousa máis extravagante que lle deu máis valor aínda, e iso vennos perfecto como metáfora da transformación que vai experimentar o protagonista. O sketch final é unha metamorfose e unha esaxeración. De feito nós advertimos cunha cartela en ton irónico que «as imaxes que van ver a continuación nada teñen que ver coa realidade» mentres se escoitan risas de fondo.

-Qué faceta de Perdomo vai ser máis sorprendente para o espectador?

-En xeral, el sufre e experimenta moitas cousas. Cando fomos ao mar, el foi ao mar no medio de bastantes olas; cando fixemos o programa do vaqueiro tivo que montar a cabalo; cando foi de folkie, vestímolo con traxe tradicional de muller con todas as súas faixas e demais... E, por suposto, tamén fará de Koruño, que é o seu personaxe máis mítico. Ademais, ao final haberá un programa especial dedicado a Rosalía de Castro.