A iniciativa está coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e conta co apoio de quince empresas
04 abr 2020 . Actualizado a las 17:51 h.A Plataforma Galicia-Escudocovid19.org, coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e que conta coa participación de arredor de 15 empresas galegas, continúa coa fabricación e distribución de pantallas protectoras para loitar contra a COVID-19. Así, este mércores entregaron 2.000 destas pantallas protectoras ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Desde o campus de Ourense participan no proxecto os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo José Antonio Pérez, Higinio González e Iván Area. "Agárdase facer máis entregas os próximos días e atender algunha outra necesidade, como residencias de maiores”, comenta Higinio González en nome da organización. Esta entrega únese ás 9.700 pantallas que en días anteriores a Plataforma Galicia-Escudocovid19.org puxo a disposición dos servizos sanitarios da área de Vigo. “Estanse producindo unhas 5000 pantallas ao día nunha planta de producción en Mos e a idea é continuar distribuíndo. Pensamos que pouco a pouco irá chegando máis material e nun par de semanas non fará falla tanta producción, pero agora creemos que pode axudar”, sinala o profesor da Universidade de Vigo.
En Galicia, a iniciativa EscudoCovid19 está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo, a través do director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), José Luis Martínez Lastra, e o profesor tamén da Escola de Enxeñería Industrial José Antonio Pérez, coa colaboración de persoal investigador de Cintecx e do Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico. Tamén subliñan desde a organización a implicación dentro da Universidade de Vigo da Vicerreitoría de Tansferencia. Actualmente son arredor de 15 as empresas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia, entre elas Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver. Esta última está levando a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos, adaptando os tempos, medios e persoal ás necesidades desta situación excepcional. A elas están sumando as súas achegas económicas e esforzos empresas como Cerradoras López Galicia, Distevi, Itera Técnica, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería e Vigumat. No caso de Ourense uníronse a esta colaboración empresas como Coren.