A serie «A lei de Santos» entra este domingo na súa recta final

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite, ás 22.30 horas, o penúltimo episodio desta ficción derivada de «Serramoura»

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite este domingo, a partir das 22.30 horas o penúltimo episodio de A lei de Santos, a ficción de Voz Audiovisual que da continuidade ao personaxe de Serramoura interpretado polo actor Monti Castiñeiras.

A lei de Santos entra deste xeito na súa recta final coa emisión dun novo episodio da serie no que as tramas xiran ao redor da resolución do segundo atraco á sucursal bancaria de Viladesantos.

No episodio da semana pasada Santos descubriu que os atracadores son en realidade Bieito e Duarte, dous dos gandeiros da vila, que decidiron entrar no banco para roubar os cartos da colleita da cooperativa empurrados pola ameaza de morte de Antonia.

Para que a situación se resolva da mellor forma posible para todos os implicados, Santos vai tomar cartas no asunto e axudar aos dous atracadores. O seu obxectivo non é outro que aproveitar a ocasión para desfacerse da caixa de seguridade de Antonia e desviar as sospeitas que caeron sobre el.

No terreo persoal, Santos tamén terá que lidar coa revelación que lle fixo Rafael, un dos seus mellores amigos do pasado, sobre a identidade do verdadeiro pai de Uxía, a garda civil máis nova de Viladesantos.

Sen embargo non é a única fronte aberta. Sen perder de vista aos atracadores e liberar aos reféns, os membros da Garda Civil, liderados por Ánxela, teñen que facer todo o posible por resolver a morte en estrañas circunstancias de Severino, o administrador da cooperativa gandeira, e atopar a Abel, o mozo que leva desaparecido desde que Santos chegou á vila.