Xabier Deive: «No último episodio de 'A Lei de Santos' péchase toda a peripecia de Santos, Pancho e Peixe»
SOCIEDAD
Mañá a TVG emite o derradeiro capítulo da serie de Voz Audiovisual
12 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo ás 22:30 horas, Televisión de Galicia emite o último episodio de A Lei de Santos. Os actores Andrés Giráldez e Xabier Deive interpretan a Peixe e Pancho na ficción de Voz Audiovisual
Pregunta. Este domingo emítese o último episodio de «A Lei de Santos», que atoparán os espectadores da serie?
Andrés Giráldez. O último episodio de A Lei de Santos vai ser moi emocionante porque vanse resolver as tramas, xurdirán moitos sentimentos e haberá moitas sorpresas. Ademáis, non hai mellor forma de pasar o domingo pola noite máis que mirando unha serie divertida como é A Lei de Santos (ri).
Xabier Deive. Efectivamente, neste último episodio de A Lei de Santos péchase toda a peripecia tan surrealista de Santos, Pancho e Peixe e que tanto está facendo rir nas noites dos domingos. Non se pode perder de ningunha forma.
P. Onde vai Santos, Pancho e Peixe van con el. Como é esta relación de amizade tan particular?
A.G. A relación destes tres personaxe xa ven de Serramoura onde nos os tres estaban moi ben relacionados. Manteñen unha relación moi particular na que destaca o moi bo ambiente entre eles. Tamén combinan moi ben a sensibilidade de Pancho, a inocencia de Peixe e o cerebro de Santos. Penso as personalidades de cada un combinan moi ben.
X.D. Concordo con Andrés. Pancho, Peixe e Santos son tres personaxes moi diferentes pero complementarios. Son tres partes dun todo. A relación é moi particular porque, ao fin ao cabo, só se teñen os uns aos outros.
P. As vosas personaxes foron medrando en Serramoura e agora viven outra etapa en A Lei de Santos. Como vivistes esa evolución?
A.G. Pódese dicir que a miña andaina no audiovisual empezou con Serramoura. Antes tivera papeis curtos en algunhas ficcións anteriores, pero todo o que aprendín dentro do audiovisual foi co todo equipo de Serramoura. E poder seguir aprendendo co personaxe de Peixe en A Lei de Santos foi un auténtico luxo.
X.D. Por moitos proxectos que leves, todos os comezas coa mesma ilusión. Evidentemente os personaxes xa os tiñamos pero o ton de A Lei de Santos era algo novo. A principal diferenza con Serramoura é que os personaxes xa non teñen esa amargura nas tramas e agora están vivindo unha aventura. É unha experiencia moi bonita porque na serie xogamos moito coa comedia. Ogallá fosen máis episodios porque estanme divertindo moito (ri).
P. Que destacades de Peixe e de Pancho?
A.G. O personaxe de Peixe é moi agradecido. Non é que eu me identifique moito con el, pero a súa inocencia fíxoseme moi agradecida de interpretar e fixeno con moita ilusión. Se cadra o máis complicado deste personaxe é cambiar ese ton. Ás veces queres poñer un pouco de sensibilidade e iso pode supoñer o gran reto de Peixe.
X.D. Pancho é un personaxe moi construído de case douscentos episodios. A dificultade que ten, para o meu modo de ver, é estar nun ton correcto todo o tempo. Hai tramas que soben, outras que baixan, e para o min o complicado é iso. Con respecto a A Lei de Santos, o hándicap con Pancho era que seguise sendo a mesma pero, nesta ocasión, xogando na comedia.
P. Que hai en Peixe e en Pancho de Andrés Giráldez e Xabier Deive?
A.G. A verdade é que eu creo que non teño nada que ver e que estamos bastante distanciados Peixe e máis eu (ri).
X.D. Pola miña parte, eu creo que si comparto algunha cousa con Pancho. Por exemplo, gústame o monte e a carpintería. Entón hai certas cousas que si teño con Pancho. Penso que todos damos máis aos personaxes do que pensamos porque sempre intentas entendelo por moito que te distancies para construílo.
P. Como valorades a resposta dos espectadores?
A.G. Polo seguimentos que tivemos durante toda a temporada parece que aos espectadores gústanlles este tipo de serie que conta cun punto cómico e non implica moita atención ás tramas. Así que hai que apostar pola ficción galega e en galego.
X.D. Non se pode perder a perspectiva de que detrás da historia de A Lei de Santos hai moitos episodios de Serramoura. Teño claro que a fórmula de A Lei de Santos é fantástica e contou con tres personaxes que son moi agradecidas. Mantivo moi ben o nivel de Serramoura.