Añel, que colaborou como revisor, explica que non esperaba que o documento fose tan contundente coas conclusións
10 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Detrás da publicación do informe do IPCC está o traballo desinteresado de miles de investigadores de todo o mundo que participaron como autores ou revisores. Un deles é Juan Añel, científico do grupo Ephyslab da Universidade de Vigo. A súa achega situase no capítulo centrado na atmosfera.
—Que valoración fai do informe?
—Sorpréndeme moito a linguaxe, que é moi dura. Nos anteriores traballos empregábanse termos como «probable», pero neste fanse afirmacións moi contundentes e só se están moi seguros do que din poden usar esta terminoloxía. Hai que ter en conta que o proceso de aprobación é moi complexo, frase por frase. Se son tan categóricos é porque a situación hai que tomala moi en serio.
—Porque precisamente pecan de conservadores, non?
—Neste informe apuntan que a Terra absorbe agora un 19 % máis de enerxía respecto a anterior publicación, porque hai máis dióxido de carbono. A cuestión é que recoñecen que un 4 % débese ao aumento da precisión dos modelos e das medicións. Polo tanto, estábanse a infravalorar os efectos. O informe tende a ser moi prudente, e a pesar de que a linguaxe é dura non acostuman a ser alarmistas. Eu creo que o están a facer moi ben.
—Seguen apostando polo escenario de 1,5 graos?
—Creo que tratan de deixar a porta aberta porque se dis que é unha situación irreversible moitos poden ter a tentación de non facer nada. Pero o certo é que ese escenario resulta moi difícil de alcanzar porque habería que facer un recorte bestial de emisións nos próximos dez anos que eu non vexo.
—Para vostede, cal é o máis realista?
—Considero que o intermedio, cun ascenso da temperatura en 2,5 graos para finais de século. Agora mesmo estamos en 1,07, pero eu creo que hai marxe para evitar os peores escenarios. Os autores confesan, por exemplo, que unicamente reducindo as emisións de metano xa se pode conseguir moito.
—Aínda así, 2,5 graos parecen moitos. Como imaxina a Galicia nese futuro?
—Resulta moi complicado sabelo. O que si dá medo é a cuestión dos eventos extremos. O informe cuantificou a escala rexional a evolución dos eventos de temperaturas extremas, tanto frías como quentes. Os modelos indican que os eventos que antes ocorrían cada 50 anos van aumentar 39 veces. É dicir, un evento que tiña lugar cada medio século pasará a producirse unha vez cada ano. Isto no escenario máis pesimista, nun intermedio pois estariamos a falar dun fenómeno de temperaturas extremas cada catro anos. E o mesmo coa precipitación.