Ramiro Vidal: «Acabei tan cansado que non dixen que gañara o bote ata o día seguinte»
SOCIEDAD
O concurso «Atrápame se podes», que se emite de domingo a xoves en TVG, entregou por primeira vez o diñeiro acumulado desde a súa estrea
03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Ramiro Vidal (Santa Cruz, Oleiros, 1973) converteuse onte á noite no primeiro gañador do bote do concurso Atrápame se podes, que Televisión de Galicia emite de domingo a xoves e que está presentado por Paco Lodeiro. Actualmente en paro, Vidal traballou como froiteiro, como docente na Cruz Vermella e ten unha larga experiencia no ámbito da figuración en series como Serramoura, Viradeira, Urxencia Cero, Matalobos e Padre Casares. En Atrápame se podes chegou tres veces á final e á terceira foi a vencida. O premio de 12.000 euros, acumulado desde a estrea do programa en xuño, xa é seu.
-¿Que o levou a presentarse ao concurso?
-Entereime a través do mundo da figuración de que había este casting e pensei en probar algo novo.
-¿E que lle pareceu a nova experiencia?
-Pareceume unha cousa bastante maratoniana, frenética, cansada... Se os concursantes acabamos rendidos non sei como acabarían todos os que estaban traballando. Queimamos moita adrenalina e moitas enerxías. A presión é grande e o tempo bótaseche enriba. Na proba das escaleiras dinche que te tomes o teu tempo para pensalo, pero os nervios traizoáronme dúas ou tres veces. De feito, na segunda final que xoguei tiven un fallo garrafal que me custou non gañar o bote. Preguntáronme polo cantante de Guns N’ Roses e eu, todo acelerado, dixen Slash sabendo que era Axl Rose. Arrepentireime toda a vida pola vergoña do vacile que me caerá. A dominar os nervios aprendes sobre a marcha.
-Pero puido resarcirse co disco de Green Day.
-Cando Lodeiro me preguntou de quen era o disco American Idiot, quedei tranquilo porque a sabía. E chegou a chuvia de confetti. Tropecei polo camiño varias veces pero no último chanzo tocoume unha facilísima. É cuestión de sorte.
-Tamén dou a resposta correcta coa vila ficticia das novelas de García Márquez. Axudouno o ser afeccionado á literatura.
-Esa acerteina tamén. Non é que a literatura latinoamericana centre a miña atención, pero se che gusta o realismo máxico a ollada a Latinoamérica, Cortázar e García Márquez teñen que estar ahí.
-Hai quen di que os concursos enganchan e hai moitos casos de participantes que repiten. ¿Probará sorte de novo?
-Non o descartaría. O mundo dos concursos non era unha cousa que me chamase especialmente a atención, pero agora non descartaría ir a algún outro. Non todos me agradan. Aquí paseino mal bailando, porque non é o meu. Son unha persoa máis pudorosa do que poida parecer. Pero en xeral gostei da experiencia. Acabei tan cansado que cando cheguei á casa dábame preguiza comentar que gañara 12.000 euros. Ata o día seguinte non comentei nada á familia e ninguén se enterou.
-¿Hai que estudiar e prepararse moito para concursar?
-Depende do tipo de concurso. Hainos de moito nivel cultural e outros son de preguntas máis de actualidade. Para Atrápame se podes está ben ver curiosidades, tirar de Wikipedia, pero non creo que faga falta un nivel cultural moi elevado. Eu de feito non o teño. Creo que en parte é cuestión de sorte. No casting pregúntanche polas cousas que ti controlas e despois fanche cuestións que ti poidas dominar. Pero despois as preguntas van ao azar e pódenche preguntar por algo que non controles moito e outros compañeiros sí.