Tanxugueiras: «É unha marabilla que a xente decida que unha candidata para Eurovisión poida ser a nosa canción»
SOCIEDAD
O grupo sinte «sorpresa e gratitude» polo apoio ao seu tema «Figa», elixido como favorito dos seguidores do festival para representar a España en 2022
10 sep 2021 . Actualizado a las 19:19 h.Tanxugueiras, acaba de converterse, co seu tema Figa, na candidatura favorita dos eurofáns españois para Eurovisión 2022. O resultado deste sondeo non é vinculante, pero foi recibido con «sorpresa e gratitude» polo trío de pandereteiras composto polas irmáns Olaia e Sabela Maneiro e por Aída Tarrío. As tres están volcadas estes días no traballo coa dedicación de quen sabe que «sen esforzo non hai recompensa». A súa xira Contrapunto as levará a actuar este venres en Pontedeume; o sábado, en Bueu, e o día 26, en O Porriño.
-¿Como recibiron a noticia de que os seguidores de España queren ver a Tanxugueiras en Eurovisión?
-Foi inesperado. Non coñecíamos as enquisas ata que a xente nos foi etiquetando. Foi toda unha sorpresa que decidiran que Figa estivera aí e que fóra de Galicia elixiran unha canción en galego que non entenden. Estamos moi agradecidas, pero aínda non nos paramos a falar do tema, porque foi todo moi rápido e estamos a tope e traballo.
-¿Cal foi a clave para que a canción superase a barreira do idioma e acadase este éxito?
-Nunca se sabe cal é a clave, pero creo que se están rompendo prexuizos e a música xoga un papel máis importante que a propia lingua. Tampouco sabemos por que decidiron que lles gustaba este tema, pero cremos que cando cantas de verdade e de corazón o resultado e ese. Todo o que está vindo xa está moi por enriba do que tiñamos pensado para Tanxugueiras. Estase conseguindo que se cante en galego con distintos estilos musicais.
-¿Qué opinión teñen do festival de Eurovisión?
-Creo que todo o mundo coñece o festival de Eurovisión, incluso as persoas que menos seguen a televisión. O festival viámolo máis cando eramos pequenas e agora, cos concertos, case sempre nos pilla fóra. A nosa meta sempre foi que a nosa música chegara a todo tipo de palcos e é unha marabilla que a xente decida que unha candidata para Eurovisión poida ser a nosa canción.
-Se, chegado o momento, tiveran que presentar unha candidatura para acceder á preselección no festival de Benidorm, ¿faríano?
-A verdade é que temos que xuntarnos a falar diso. Con respecto ao festival de Benidorm, temos que pararnos, mirar a xira que temos para o ano, as datas xa pechadas... O único que podo trasladar de parte das tres e esa ilusión enorme de que a nosa música chega á xente e que gusta. E que se fale de nós e da nosa música con tanto cariño, porque o 99,9 % dos comentarios son positivos. Poder chegar a públicos máis diversos é para nos o gran premio.
-Teñen un estilo moi persoal. ¿Como o definiría?
-Foi un recorrido moi corto pero intenso das Tanxugueiras. Sabiamos como queriamos facer as cousas, pero faltábanos estudar un pouco e ter algunhas nocións, porque as cousas ou se fan ben ou non se fan. Nós escoitamos música de todo tipo e vivimos no mundo e no século en que vivimos. Entón é normal que as influencias musicais se trasladen ao que facemos. Foi traballando moito, con ensaio e error, como conseguimos o que hoxe en día se coñece como Tanxugueiras. Nós non etiquetaríamos ningún estilo. A única etiqueta que levaría é a de música en galego de base tradicional. O resto é unha confluencia de ritmos, de como vemos cada unha de nós a música en xeral. E como somos tres puntos de vista totalmente diferentes saen este tipo de cousas.