O cuartel de Viladesantos enfócase en resolver o caso da morte de Ánxela, en «A lei de Santos»
SOCIEDAD
Esta noite Televisión de Galicia emite un novo capítulo da serie protagonizada polos actores Monti Castiñerias, Andrés Giráldez, Federico Pérez e Iria Veiga, entre outros
20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Desde que Olaia denunciou a desaparición de Ánxela no cuartel da vila, conforme pasaba o tempo, o medo a que a súa resolución non tivese un final feliz foi invadindo a todos os efectivos da garda civil que participaban no operativo de busca liderado por Lourenzo e Uxía.
Pero a chamada que confirmaba o peor non tardou en chegar ao cuartel de Viladesantos. Nese momento, Lourenzo prometeu a Olaia atopar ao culpable e con ese obxectivo comezou a investigación. A teoría que manexan é que o asasino é a mesma persoa que tendeu a emboscada a Santos, que Ánxela descubriu a súa identidade, e que o asasino acabou con ela para evitar a súa detención.
Tamén aportou algunha pista a análise do teléfono de Ánxela. Todos os seus movementos quedaron rexistrados, o que supón unha axuda moi importante para Lourenzo e Uxía, pero o máis sorprendente para eles é que Ánxela tamén estivo na casa rural. Por que estivo alí?
A noticia do que lle pasou á tenente non tardou en espallarse por cada rincón de Viladesantos. E cando Uxía lle conta á súa nai que o teléfono de Ánxela a sitúa na casa rural, Laura ten a intuición de que a asasina é unha muller. Podería ser Belén, a súa nova empregada? Intentando atopar algunha resposta, Laura decide entrar no seu cuarto e botar un ollo as súas cousas.
A asasina sabe que a súa identidade está en perigo e que é cuestión de tempo que a garda civil de Viladensantos descubra a súa identidade, sobre todo despois de sorprender a Laura na súa habitación. Sospeita dela ou só foi casualidade?
Tamén é consciente de que a misión pola que chegou á vila aínda non está feita e que se non a consegue, terá que responder ante o seu xefe. Por iso non perde nin un só minuto e preparar un novo ataque para acabar con Santos, que segue grave no hospital.
Por outra banda, Peixe e Abel respiran un pouco máis tranquilos despois de atopar ao estafador e de recuperar os cartos de Lourenzo. Pero non hai que esquecer que todo foi posible grazas á axuda de Antonia, pero agora teñen unha débeda con ela e son moi conscientes ata onde pode chegar se non se cumpren os acordos. Peixe e Abel meteron ao demo na casa outra vez e agora non saben como desfacerse del.