A Hispanic Society of America dá a coñecer a Galicia da década de 1920

n. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Imaxe do museo da Hispanic Society of America, cedida pola propia institución
Imaxe do museo da Hispanic Society of America, cedida pola propia institución Hispanic Society of America

TVG emite este sábado, ás 19 horas, un novo programa de «Galicia de 20 a 20»

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie documental Galicia de 20 a 20 segue os pasos de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa da Hispanic Society of America que percorreu toda Galicia na década de 1920 e capturou máis de 5.000 imaxes. Cen anos despois, a actriz e directora Sonia Méndez, xunto coa fotógrafa Leticia T. Blanco, viaxan pola comunidade para actualizar as instantáneas e dar conta do que cambiamos neste século.

A expedición fotográfica que levou a cabo Ruth Matilda Anderson por Galicia foi un encargo da Hispanic Society of America. Este museo e biblioteca da cidade de Nova York foi fundado en 1904 por Archer Milton Huntington, fillo dun dos grandes magnates estadounidenses do século XIX. Huntington colleitou dende mozo unha gran paixón pola cultura española e consagrou a súa vida e os seus cartos a crear unha das grandes coleccións de arte e literatura hispánicas do mundo. Non obstante, o seu obxectivo final sempre foi crear un museo no que tiveran cabida estas coleccións. Así naceu a Hispanic Society of America, adicada ao estudo da cultura hispánica e que dende o inicio tivo coma pretensión achegarlle esta aos estadounidenses.

Tras fundar o museo, Huntington tiña unha idea moi clara do que quería coleccionar nel e dentro do amplo panorama da cultura dáballe moita importancia ao patrimonio e a etnografía española. Non obstante, non quería centrarse nas grandes cidades, xa que estaba convencido de que a «España real» atopábase nas rexións rurais. Tendo isto presente, creou un arquivo fotográfico sobre imaxes de España e para enriquecelo mercou fotografías e promoveu expedicións fotográficas ao país ibérico. No marco destas expedicións contratou a Ruth Matilda Anderson, a quen lle encomendou facer a primeira en Galicia co obxectivo de capturar a «Galicia auténtica» e así impedir que ese patrimonio tan xenuíno se perdera. De feito, Huntington coñecíao de primeira man, xa que el mesmo visitou Galicia por primeira vez en 1892, con tan só 22 anos.

Ruth Matilda Anderson desembarcou no porto de Vigo en agosto de 1924 con directrices concretas de Huntington sobre o que tiña que fotografar, que non era outra cousa que as persoas dos lugares que visitaba, xa que para Huntington na xente era onde se atopaba a alma do país.

Desta primeira viaxe, que durou ata agosto de 1925, son o 70 % das instantáneas que Anderson fixo de Galicia. O outro 30 % son da seguinte expedición de Anderson, que se alongou de novembro de 1925 ata maio de 1926. O doutor Patrick Lenaghan, conservador xefe de Gravados e Fotografías da Hispanic Society of America e responsable do arquivo de Ruth Matilda Anderson, comentou en Galicia de 20 a 20 que, a pesar de que Huntington lle dicía a Anderson que era o que tiña que fotografar, tanto a calidade artística como técnica do seu traballo están patentes nas imaxes, ao igual que a súa relación con Galicia, xa que «podería dicirse con toda xustiza que Galicia foi o primeiro amor de España para Anderson, porque foi a primeira zona que visitou e fotografou deste país».

A día de hoxe, pódese afirmar que as coleccións que integran o Museo Español da Hispanic Society of America non teñen comparación en termos de calidade fóra de España e céntranse en facetas como a arte, a literatura e a cultura de ata comezos do século XX. A existencia deste patrimonio débese a Archer Milton Huntington, que non só fundou o museo, senón que foi quen reuniu todas as coleccións.