Iván gañou o bote do «Atrápame se podes»: «Non sei que dicir, aínda non son consciente»
SOCIEDAD
Este profesor de música na Coruña levou este luns o premio máis elevado da historia da TVG, 101.800 euros
11 sep 2023 . Actualizado a las 23:24 h.Atrápame se podes, o concurso que de sábado a mércores se emite sendo líder de audiencia no prime time da Televisión de Galicia, viviu este luns a súa noite máis especial. Nos últimos dous anos os espectadores vían como o bote medraba a razón de 200 euros ao día e ninguén o levaba. Dende setembro do 2021 o presentador Paco Lodeiro buscaba á persoa que sucedese a Ramiro Vidal, un oleirense que se fixera daquela cos 12.200 euros acumulados. «Nas últimas semanas estivemos moi preto de dalo en varias ocasións. Era unha responsabilidade porque todo o equipo era consciente de que a cifra era histórica. O gañador tivo unha actuación brillante e ese chisco de sorte que lle faltou a outros». Así se expresaba Lodeiro despois de por fin entregar os 101.800 euros máis desexados polos espectadores. Nunca un programa da canle autonómica entregara tantos cartos dende a súa inauguración en 1985. «Esta noite empezamos en 3.000 euros pero o que non vai cambiar son as ganas de facer felices aos que veñen e aos que nos ven cunha chea de preguntas retranqueiras, para aprender e rir», puntualiza Lodeiro.
A persoa que pasa á historia é Iván Pantín. Amante da música, toca a tuba e é profesor. Pero os seus coñecementos musicais non foron determinantes no resultado. Ser galego, coñecer a nosa terra, estar posto na actualidade e o seu sentido do humor sí que tiveron máis que ver na súa vitoria. «Xa me divertía xogando na casa e de primeiras estar aquí e formar parte da festa e dese patrimonio entre o entretido e o cultural que é o Atrápame xa foi todo un logro». Iván empezou cun pleno de acertos na rolda rápida de preguntas inicial. Tivo sorte nos retos, xa que só atinou a metade das respostas, pero foi clave saber que as persoas que manexan o botafumeiro da Catedral chámanse tiraboleiros. Despois da eliminación da primeira compañeira con menor número de puntos, nas parellas estivo acompañado da estudante de empresariais de Cervo Maite Rego, a máis nova dos participantes esta semana. Entre ámbolos dous atinaron cuestións de celebridades coma Leonardo Di Caprio, Belén Esteban, Mario Casas ou Miguel Ríos. Pero o quinto e decisivo acerto volveu ser en clave galega. As opcións de resposta eran dúas datas clave no calendario festivo: o día das Letras e o día de Galicia. A pregunta era cando foi estreado en 1974 o primeiro programa de televisión en galego. Atinaron dicindo que este espazo das desconexións territoriais de TVE saíu ao aire un 25 de xullo.
Cinco chanzos en cada un dos lados do plató, un por resposta acertada, para que da parella clasificada só unha persoa se faga coa recompensa. O guión era o de sempre, con Iván e Maite querendo cumprir uns soños que comezan «ao pé das escaleiras». Pero desta volta os de Iván ían converterse en realidade. Claro que ninguén o sabía aínda. Localizou correctamente a praia de Rodas nas Cíes, soubo que o marido de Rosalía de Castro foi Manuel Murguía e viu como o erro da compañeira, que ubicou o Teatro Jofre en Vigo e non en Ferrol, poñíao con vantaxe. Non fallou a seguinte pregunta dicindo que o dracma precedeu ao euro coma moeda en Grecia. E foi quen de adiviñar tamén que o actor Damian Lewis interpretou a un sarxento en Homeland. A quinta e decisiva pregunta era: «Quen foi campioa olímpica de bádminton nos Xogos Olímpicos de Río 2016?» Despois duns segundos que elevaban a tensión sentenciou: «Coma non sei chinés —país con tradición na disciplina— vou dicir Carolina Marín». Lodeiro, medindo os tempos, recordaba a mala sorte coas lesións da deportista onubense, que a privaron de estar en Tokio 2020. As pulsacións aumentaban pechando o plano na cara de quen ía gañar. Despois duns segundos eternos confirmábase o definitivo «chanzo arriba» desatando unha choiva de confetti que servía de metáfora para ilustrar a precipitación de billetes que se embolsaba o de Miño.
Premio compartido
«Que se sinte?», preguntou Paco. «Non sei, non son consciente, supoño que me sinto un pouco coma Carolina Marín nese momento», dixo Iván. Que fará cos 101.800 euros? «A Paco xa lle dixera que quería unha tuba nova, agora a ver que di a muller», apunta minutos despois do momento vivido. «O bo do premio é poder compartilo coa xente que coñezo, a familia, os amigos e alguén con quen me levo moi ben, que son eu mesmo».
Este martes pola noite comprobaremos na TVG como é o día despois de facerse con semellante suma. «Eu quero que a xente me siga dicindo o de ‘‘Paco solta o bote'', que non falte ninguén». Se Lodeiro conclúe así, só podemos rematar dicindo aquilo de «non hai máis preguntas, señoría» (polo menos ata poñer a tele hoxe ás 22 horas).