Preto de 350 persoas maniféstanse en Santiago por unha CRTVG «pública e plural»

La Voz REDACCIÓN / AGENCIAS

SOCIEDAD

Preto de 350 persoas maniféstanse en Santiago por unha CRTVG «pública e plural».
Preto de 350 persoas maniféstanse en Santiago por unha CRTVG «pública e plural». EUROPA PRESS - ÁLVARO BALLESTERO | EUROPAPRESS

Pola súa parte, a Corporación afirma que mantén a súa «neutralidade» 

30 nov 2024 . Actualizado a las 17:18 h.

Este sábado, unhas 350 persoas manifestáronse en Santiago de Compostela en defensa duns «medios de comunicación públicos e plurais», en referencia á Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que, pola súa parte, afirma que mantén a súa «neutralidade».

Na xornada número 25 de folga, máis de 300 persoas según a información facilitada pola Policía Local e recollida por Efe, manifestáronse coa pancarta «CRTVG pública e plural. En defensa do servizo público». A marcha comezou en praza Roxa ás 12.00 horas e percorreo varias rúas da zona nova ata chegar á praza de Praterías. Ao rematar a concentración, os convocantes leron un manifesto no que reclamaron uns «medios públicos e plurais ao servizo da cidadanía».

Aseguran que as protestas continuarán ante «o cerco informativo» dun «sistema mediático corrupto e podre» que, ademais, vai cara a externalización dos servizos, que segundo os manifestantes na práctica é máis caro que a produción directa.

A presidenta do comité de folga, Raquel Lema, enmarcou esta manifestación no contexto de folga indefinida que comezou o pasado 7 de outubro e, tal e como trasladou en declaracións aos medios recollidas por Europa Press, cren que agora era «o momento de sacar este SOS e implicar á cidadanía para que tome conciencia» para que lles axude a «rescatar os medios públicos de comunicación».

Tamén reprochou que se «regale diñeiro a produtoras» para que «transmitan directamente consígnas e ideas que lles interesa transmitir».

«Fanno para apartarnos do medio, para ter vía libre e barra libre para completar o círuclo perfecto da manipulación total, a todas horas, en todos os formatos: televisión, radio, web, redes sociais, programas e agora tamén nos informativos», aseguran, aínda que a CRTVG discrepou posteriormente.

Por iso reclamaron unha CRTVG «pública e plural», o que fan tamén cunha iniciativa lexislativa popular que busca «a pluralidade, a defensa da lingua, a programación infantil e xuvenil, a perspectiva feminista, e moitas outras cousas».

Fontes da CRTVG explicaron a EFE que lamentan que o comité de empresa «insista en bloquear o dereito ao traballo das empresas do sector galego baixo o mesmo réxime de competencia no que opera a CRTVG, do mesmo xeito que ocorre co resto de canles públicas de España, tanto autonómicos como RTVE, especialmente cando esta semana a Corporación acaba de formalizar a estabilidade laboral do 100 % do seu persoal».

«A CRTVG mantén a súa neutralidade no debate actual e garante a continuidade do servizo público. A manifestación, que conta co apoio de dous grupos políticos relevantes, non conta co respaldo de ningunha das asociacións empresariais do sector audiovisual de Galicia nin de ningún colexio ou asociación de xornalistas a nivel estatal», engade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na manifestación e dixo que os medios públicos, en lugar de estar «ao servizo da sociedade galega», convertéronse no «gabinete de prensa» do Partido Popular.

Acusa aos populares, que tamén gobernan na Xunta, de actuar de forma «antidemocrática» coa súa proposta de lei para «decidir unilateralmente quen vai ser o próximo director ou directora», ao eliminar a necesidade de ter a maioría reforzada actual.