Paco Lodeiro: «O ''Atrápame'' é un éxito porque ten a un grande equipo detrás»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Paco Lodeiro no plató do Atrápame se podes
Paco Lodeiro no plató do Atrápame se podes tvg

O presentador está feliz polo premio da Academia da Televisión 

19 dic 2024 . Actualizado a las 14:17 h.

O concurso Atrápame se podes, chanzo arriba, que produce Voz Audiovisual e emite Televisión de Galicia acadou o premio Iris a mellor programa autonómico que concede a Academia de Televisión. Paco Lodeiro é o presentador deste formato que se emite en once canles autonómicas nas súas diferentes versións.

—Noraboa polo premio.

—Grazas. É a segunda vez que me dan este premio, xa o recibín cando presentaba Cifras y letras na súa versión en castelán en Telemadrid. Estou moi contento de que nos den este premio que é compartido con todo o equipo, ca xente de Voz Audiovisual, empezando polos directores como cabeza visible do programa e estendido a todos os que o fan posible.

—O «Atrápame» emítese en once canles diferentes, e é un éxito en todas. Cal é o segredo?

—Pois é unha fórmula que funciona. É unha paciencia, unha fidelidade que os programadores respectan, porque os concursos xeran adicción, pero hai que telos á hora que ti os queres ver. Penso que o segredo é que a xente e recoñeza a súa mecánica, que é sinxela e que esten á mesma hora que adquiriron o hábito de verte.

—En cada unha das comunidades autónomas engádeselle o toque característico do lugar.

—O concursos teñen dous ingredientes diferenciais. Un é o tipo de preguntas, que desde o principio en Voz Audiovisual tivemos moi claro. Buscouse que o concurso mesturara a nosa retranca con coñecemento da nosa terra. Por exemplo, grazas a o Atrápame, o público coñece mellor as comarcas galegas, xa que son cuestións que saen moito. Así que así sabemos máis cousas de nós e das que nos fan rir. E despois que en cada sitio hai un presentador diferente, con algo en común: en todas as canles se pretende que sexa algún con certo humor. Desde logo o meu humor non é o mesmo co de Manolo Sarriá, que a xente nova non o coñece pero foi un dos membros do Dúo Sacapuntas. Cada presentador ten o seu estilo.

—O pasado mes de setembro chegaches a os 5.000 concursos durante a túa carreira.

—Si, cumprín 5.000 en setembro de programas concurso, porque antes de chegar o Atrápame se podes, fixen A Liga dos cantantes extraordinarios, Verbas Van e Cifras e letras.

—E que balance fai destes anos?

—Pois a televisión cambiou moito, pero a esencia dos programas que funcionan é sempre que o equipo que os fai este coordinado e goce do seu traballo. O do Atrápame ten un fantástico equipo, moi ben engraxado e que funciona moi ben. Todos somos importantes: o iluminador, a maquilladora, o de vestiario...

—Ser o mestre de cerimonias é unha responsabilidade.

—Si, eu exerzo de anfitrión dos concursantes. tento tratar de que a xente que vén o programa estea o máis tranquila posible. Xa lle vas vendo na cara se está nervioso, porque fallou unha respota... Logo intento que estean o máis agusto posible.

—Algúns póñense nerviosos.

—Aí volve a ser de gran importancia o equipo do programa, o de cásting e concursantes. Están especializados en intuír como van as cousas e eles son quénes saben realmente como son. O equipo sempre está pendente da xente que vén concursar. Eles ven o potencial dos aspirantes e para mín esa é unha das claves do éxito dos concursos: a selección dos participantes.

—Como é a resposta nas rúas dos espectadores?

—Moi boa sempre. Na primeira década deste século, cando eu pasaba por diante dun instituto escoitaba «Consonante, vogal»... Agora iso tradúcese en «Chanzo arriba!» ou «Paco, solta o bote!». Son as dúas frases recurrentes. No barrio no que vivo, cando saio facer compras pola zona ás veces reclamanme polas preguntas do Minuto final. E dependendo da idade e da confianza, dinme «Solta os cartos Paquiño!» ou algún «Ya te vale neno!». Pero iso sí, sempre con moitísimo cariño. Que me falen e me paren para min é moi agradable. Nunca entendín a postura dos que traballan na televisión e non queren que os paren polas rúas. A min no me molestan, sempre é para ben.

«Somos un programa familiar que fala dos galegos»

 O Atrápame se podes, que se emite de sábado a mércores ao redor das 21.45 horas na Televisión de Galicia, fai especiais de Nadal nos que os concursantes son famosos. Paco Lodeiro di que o pasa especialmente ben nestes programas.

—Non sei se coñece algúns dos outros presentadores do «Atrápame» noutras canles?

—Pois non, pero todo o mundo cre que todos os presentadores da Televisión de Galicia nos coñecemos, e non é así. (Ri)

—E que tal nos especiais con famosos? Son bos concursantes?

—Pois, mira, precisamente eses especiais serven para pórlles cara a todos eses compañeiros e compañeiras, a toda esta rapazada nova que anda pola Televisión de Galicia e para coincidir con ela nos platós. O que pasa é que os programas nos que concursan famosos teñen dous problemas, por dicir dalgunha maneira. Primeiro, e o máis importante quizais: todos teñen medo de quedar mal. Entón hai presión. «Non iredes facer preguntas chungas?», din ás veces. (Ri).

Eles teñen unha responsabilidade de concursar e de facelo ben. E, despois, a segunda é que todo o mundo quere saír especialmente favorecido. No Atrápame se podes temos un equipo excelente de guionistas, que o que buscan son unhas preguntas que precisamente sorprendan aos convidados famosos. As dificultades dos programas nos que concursan famosos están precisamente neses dous eidos. Pero o equipo traballa moito e moi ben, e por iso quedan uns programas tan chulos. E eu teño que dicir que gozo moito de facer estes especiais de Nadal.

—Que lle diría a alguén que nunca viu «Atrápame» para animalo a que se enganche a el.

—Somos unha oferta que estamos aí, un programa que se pode ver en familia e no que todos aprendemos moitas cousas de nós, o que tamén é unha maneira de retratarnos, de ver como somos. Tanto os concursantes como as cuestións que aparecen están moi pegados á actualidade. Podes atopar concursando no Atrápame ao teu profe de instituto, a unha compañeira da facultade, a un pai que leva o seu fillo ao mesmo parque có teu ou a un avó que xoga a partida co teu. É un concurso ao que vén xente moi próxima, moi identificable para o teu contorno. Ademais, as preguntas que facemos falan de ti.