A revolución chega a «Salvaxe» coa entrada dun novo competidor

p. s. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

«Salvaxe»
«Salvaxe»

TVG emite este luns, ás 22.25 horas, unha entrega chea de novidades

23 dic 2024 . Actualizado a las 10:54 h.

Este luns, Televisión de Galicia emite o cuarto programa de Salvaxe, o primeiro reality de aventuras da canle. María Lamela, presentadora do programa, xa tivo que pedir que abandonen a aventura a catro dos dezaoito competidores. O premio dos 25.000 euros está cada vez máis preto para os sobreviventes deste concurso, coproducido por Voz Audiovisual e The Mediapro Studio.

Os catorce concursantes conviven as 24 horas do día divididos en dúas mandas rivais: os Raposos e os Nécoras. A convivencia cada día é máis importante, xa hai fortes lazos dentro dos grupos e o traballo en equipo é esencial para saír adiante. Co que non contan é con que todo se poña patas arriba coa entrada dun novo rival a estas alturas de programa. A situación ponse tensa xa que é unha nova ameaza para todos coa que non contaban.

Despois de tantos días convivindo xuntos, a fame e o cansanzo ten aos salvaxes participantes neste desafío ao límite e unha persoa con enerxía e en boa forma física vainos poñer contra as cordas. Os concursantes terán que decidir se acollelo coma un máis do grupo ou buscar que saia eliminado e que soamente os salvaxes orixinais poidan seguir na aventura.

O gran lago de As Pontes será o escenario dunha pequena guerra na que a tensión, a agresividade e a loita corpo a corpo deixarán grandes momentos do programa. Pero non todos poderán saír en pé do gran combate, haberá quen teña que recorrer a unha ambulancia para poder volver ao campamento.

Tamén veremos a Raposos e Nécoras probar a súa destreza coa machada, unha actividade tan común coma perigosa, sobre todo se se fai contra o reloxo.