Esta é a foto dun martes feliz do século pasado. Os martes foron en TVG Supermartes de audiencia fiel que acudía á cita con Superpiñeiro. Botaran o que botaran as outras canles os martes, era o líder da noite. Este martes, tiña que ser martes, Piñeiro morreu antes de tempo por unha enfermidade que él mesmo contou na tele á súa parroquia —para os máis novos, el chamáballe así ao que os influencers chaman followers—.
A tele non foi máis que unha oportunidade para amosar unha capacidade de entreter que xa viña de fábrica. Sen dúbida con moita carga xenética por parte da costureira, súa nai. Despois do Supermartes viñeron os Tequelexous, os Bamboleos, as sesións vermú na radio, as gravacións musicais.
Os seus dotes de líder puxérono á fronte de moitos proxectos e permitíronlle ser —e sempre o recordaba con fachenda— o padriño de moitos profesionais hoxe consagrados no medio televisivo. Alba Lago á fronte de informativos de tirada nacional, a eurovisiva Lucía Pérez, a cantante e comunicadora Fátima Pego, a actriz Diana Nogueira, o showman David Amor… entre outros. Son moitos os que recoñecen en Piñeiro non só un referente, senon tamén alguén que axudou nos duros momentos do arranque. Entre as moitas mostras de agarimo onte no tanatorio, quero destacar tamén a dos artistas galegos. Javier Saavedra, responsable da orquestra Os Satélites, resumiuno ben: Piñeiro sempre abría unha fiestra para que puideramos visibilizar os nosos traballos. Pi comparte apelidos con moitos galegos. Pero Superpiñeiro… Só hai un.