
O programa estrea etapa este domingo ás 22.05 horas na TVG. Paco Lodeiro busca aos mellores concursantes cuxo paso polo programa será premiado con vidas extra
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dende a súa estrea no 2021, o Atrápame se podes leva repartidos, entre botes e petiscos, máis de 330.000 euros nos seus máis de 870 programas. Para agradecer a fidelidade dos espectadores, o concurso presentado por Paco Lodeiro estrea nova etapa con moitas novidades, que se poderán descubrir a partir deste domingo ás 22.05 horas na TVG.
Os Máquinas
Os Máquinas son os mellores concursantes, son os estrategas, son aqueles que máis compiten por chegar ao Minuto Final, son os que brillan a través das súas respostas, son os que detectan as preguntas trampa, son serios e rigorosos pero tamén divertidos e saben unirse á festa. Son o perfil de concursante que o espectador agarda todas as noites nas súas casas.
A gran pregunta é: que ten que facer un concursante con todas estas capacidades para converterse en Máquina? Pois superar 10 programas íntegros xogados, e será premiado cunha vida extra. Polo tanto, se é o expulsado na fase dos retos, poderá facer uso do seu comodín e volver no seguinte programa. Pero ademais, se os concursantes alcanzan os 25 programas acumulados, conseguirán o título de Supermáquina e lograrán outra vida a maiores.
O bote
Non se pode perder de vista o bote do concurso, que actualmente está en 20.000 euros. Converterse en Máquina e gañar vidas é o que lles vai axudar aos participantes a estar máis preto do premio e así ter máis oportunidades de conseguilo. Un premio que está a ferver, xa que os aspirantes están a loitar de forma encarnizada para ver quen se fai co cuarto bote que se entregará proximamente no programa.
Unha nova fase
Outra das novidades que trae o Atrápame é a incorporación da fase dos supostos, que irá entre a rolda rápida e a fase dos retos. Os concursantes disporán de cinco respostas que terán que relacionar con catro definicións. Mentres que na rolda inicial de preguntas rápidas todos os puntos van para a saca común dos participantes, nesta nova fase os puntos son individuais, polo que os concursantes van chegar con diferentes marcadores aos retos, a proba na que un deles se despide do programa.

ANTÓN, de Cangas
O universitario habilidoso

Antón, o cangués de 22 anos que actualmente está estudando ADE na Universidade da Coruña, xa leva xogados 7 minutos finais no Atrápame. As habilidades de Antón son moi variadas, tanto pode alzarse co premio ao mellor debullador de millo da súa parroquia, algo que pasou, como saber que enfermeira de Ordes é considerada a primeira da historia en misión internacional ou que presidente estadounidense ocupou máis tempo a Casa Branca.
A súa vea competitiva faille ter un palmarés envexable que quere aumentar gañando o bote do Atrápame. Non obstante, vaise ter que enfrontar ao resto de Máquinas, que non llo van poñer nada sinxelo.
ESTRELLA, DE VILAGARCÍA DE AROUSA
A xubilada favorita da audiencia

A Estrella do Atrápame volve ao programa. A xubilada favorita da audiencia vén dende Vilagarcía de Arousa disposta a poñer a bailar a todos os concursantes, incluído a Paco Lodeiro. Tamén a non deixalo falar, porque ten que poñelo ao día de como evolucionan os seus cultivos, todo o que le, contarlle chistes e, por suposto, cantarlle algunha rancheira. A pesar de que nos chanzos do Atrápame non está instalado o ascensor que pediu na súa primeira visita, non vai ter problema en subilos «ata que o corpo aguante», como ela mesma diría. Non obstante, non todo pode ser festa, Estrella vén disposta a levar o bote do Atrápame, porque xa lle prometeu unha mariscada á familia amenizada polo Capitán Sabrosura.
PABLO, DE CABANA DE BERGANTIÑOS
De estudante a funcionario

O programa tamén vai traer de volta a Pablo, de Cabana de Bergantiños. O concursante de 28 anos case se fai co bote o pasado verán despois de 7 minutos finais, dos cales quedou a unha pregunta en 4 deles. Cando veu estaba estudando para funcionario, agora xa o é. Fan de Pablo Alborán, dianteiro goleador do Cabana SD e estudante prodixio que non falla unha data importante da historia nin a capital de ningún país. Pablo xoga con vantaxe, sabe como é o concurso, pero enfronte ten a contrincantes do seu mesmo perfil e coa súa mesma competitividade nas veas que queren converterse no seguinte gañador do bote do Atrápame.