Patrocinado porPatrocinado por

Os Bolechas promocionan en Monforte a alimentación ecolóxica

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOMOS AGRO

Os Bolechas saudaron no vestíbulo do edificio multiusos de Monforte aos nenos que asistiron á presentación do libro
Os Bolechas saudaron no vestíbulo do edificio multiusos de Monforte aos nenos que asistiron á presentación do libro FRANCISCO ALBO

Un libro editado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica será distribuído polos colexios e bibliotecas de Galicia

22 sep 2023 . Actualizado a las 19:42 h.

Coincidindo co Día Europeo da Agricultura Ecolóxica, o auditorio do edificio multiusos de Monforte acolleu este venres a presentación dunha guía sobre os alimentos ecolóxicos pertencente á serie infantil Os Bolechas. O acto foi organizado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), con sede neste municipio. A obra, editada por iniciativa deste organismo, será distribuída nos colexios e bibliotecas da comunidade «coa fin de concienciar ás xeracións futuras da importancia da alimentación saudable e ecolóxica», apuntan os seus responsables.

Ao acto, no que participaron os propios Bolechas, asistiron cerca de 450 alumnos dos centros educativos de Monforte que imparten educación infantil e primaria: o Colexio Novo, A Gándara, Ferroviario, Torre de Lemos e Escolapios. Na presentación tomaron parte o presidente do Craega, Francisco López Valladares; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; a tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o responsable de Promoción Económica e Social da Deputación lucense, Pablo Rivera. Os participantes animaron aos nenos a aprender os principios da agricultura ecolóxica e a consumir alimentos producidos en Galicia. Prada agradeceu ao Crega por escoller Monforte para presentar a obra e sinalou que o municipio conta cun «importante entorno rural, no que a agricultura é un sectorfundamental dentro do noso sector primario».

Pepe Carreiro, o creador dos Bolechas, debuxou os personaxes consumindo alimentos procedentes da agricultura ecolóxica
Pepe Carreiro, o creador dos Bolechas, debuxou os personaxes consumindo alimentos procedentes da agricultura ecolóxica FRANCISCO ALBO

Na presentación tamén participou Pepe Carreiro, creador dos Bolechas, que debuxou aos personaxes consumindo alimentos ecolóxicos. O acto complementouse cunha actuación musical do artista Pakolas.

Familiarizar aos nenos cos principios básicos da agricultura biolóxica

O libro Os Bolechas, os alimentos ecolóxicos, foi editado por iniciativa do Craega co apoio da Xunta, o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e os fondos europeos Feder. A publicación, que está acompañada por unha unidade didáctica, presenta de forma sinxela as principais características da agricultura, a gandería e a acuicultura ecolóxicas, así como as funcións do Craega, un organismo que foi creado en maio de 1997.

Portada do libro «Os Bolechas, os alimentos ecolóxicos»
Portada do libro «Os Bolechas, os alimentos ecolóxicos»

A obra explica ademais como recoñecer os produtos alimentarios ecolóxicos mediante a etiqueta do consello regulador do sector e inclúe algunhas receitas de cociña con este tipo de ingredientes.

Os personaxes que protagonizan a serie de libros Os Bolechas, creada por Pepe Carreiro no ano 2000, teñen participado en numerosas iniciativas formativas de carácter institucional. Entre elas figuran unha campaña de fomento de hábitos saudables e prevención da obesidade infantil —en colaboración coa Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario—, outra para favorecer entre os nenos o consumo de vexetais —xunto coa Consellería de Medio Rural— e outra de seguridade viaria, impulsada a nivel estatal pola Dirección General de Tráfico.

Outras iniciativas

Outras iniciativas coas que estiveron relacionados os Bolechas desde a súa creación tiveron o obxectivo de familiarizar aos nenos con cuestións como a igualdade dos sexos, o acollemento familiar, os primeiros auxilios, a doazón de sangue, o coidado animal, o voluntariado xuvenil e a conservación dos ríos.