López Valladares defende un tipo de cultivo que dea resposta á demanda das distribuidoras
04 dic 2017 . Actualizado a las 12:25 h.Francisco López Valladares leva uns meses na presidencia do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica. Accedeu ó posto nun momento no que está pendente de entrar en vigor o novo regulamento europeo, que aínda está en discusión. Chega con aires novos e con ganas de introducir cambios, como potenciar as producións para poder satisfacer a demanda das grandes distribuidoras. Ten unha explotación na Pastoriza onde produce leite ecolóxico, queixo e horta.
-Chegou á produción ecolóxica por un problema coa supertaxa. Agora é un convencido....
-Quizais cando empecei non foi todo por convencemento, porque descoñecía o que era. Non sei si se nace ou se asume a filosofía. A xente concienciase máis a raíz de que se sabe que o cambio climático non é un chiste. As novas xeracións apostan por comer máis san. As consultas hospitalarias estaban antes cheas de xente maior, pero agora nas colas hai xente moi nova.
-¿Como ve o novo regulamento?
-Non o coñecemos en profundidade, aínda non está listo. Os cambios son bos para adaptarse ás novas circunstancias. Gustaríanos que fose para todos igual e que non dera lugar a interpretacións entre comunidades.
-¿Como ve o futuro?
-O crecemento da agricultura ecolóxica é forte. Prevemos que este ano sexa do 35%.
-¿A diferenza de prezo entre convencional e ecolóxico non é abismal?
-Diferenzas ten que haber porque ao pasar de convencional a ecolóxico redúcese entre un 25% e un 30% a produción. As tendas están a aplicar marxes de entre o 60% e o 70%, cando para os convencionais aplican entre o 20% e o 30%. Cando tratas de convencelos de que están nun erro, responden que lle teñen que dar a mesma rendibilidade que o convencional. En Alemaña, por exemplo, a diferenza é de entre un 10% e un 15%. Isto pasa moito coa produción vexetal de circuíto corto. Nós, por exemplo, na Pastoriza, traballamos cunha distribuidora grande. Vendemos 40 toneladas de cabaciño este ano a 50 céntimos o quilo e competimos cos convencionais.
-¿Como vai mudar iso?
-É difícil. Nin temos autoridade para intervir os prezos, nin é a nosa misión. Pero, as producións pequenas, como non vaian a asociacións, non van funcionar. Hai sitio para espazos curtos, de 30 quilos á semana, pero tamén está a gran distribución e a súa demanda. Hai xente que solo entende a agricultura ecolóxica como a volta ao sacho e a produción vexetal pode dar resposta á gran demanda e evitar que veña de fóra.
-¿Por que hortalizas agora?
-O ano pasado tiñamos previsto botar 6 hectáreas de patacas. Xa tiñamos acordos con Carrefour, con Mercabarna e en Madrid. Pero, veu a couza e suspenderon a sementa por dous anos nunha zona, na que Pastoriza estaba incluída. A raíz de aí houbo unha proposta para cabaciño. Fixemos tamén tomate e berenxena. Os resultados foron bos. Temos que sentarnos para ver que facemos para o ano que ven.
-¿Por que deixan os queixo?
-A raíz de que outra empresa se interesara na produción de leite ecolóxica, Lactalis tivo que mover ficha para que non se lle marcharan clientes subiu 10-11 céntimos. Agora non podemos competir facendo queixo porque o consumidor non está disposto a pagar un diferencial do 50% ou do 60%. En convencional están a pagar 28 céntimos e en ecolóxico 52-54. Imos pulsar o stand by e esperar acontecementos. Augúrase que o crecemento vai seguir sendo forte, o que non quita que en tres ou catro anos, cambien as cousas coa lei da oferta e da demanda e haxa que facer queixos de novo.
-¿Notan o cambio climático?
-Na zona na que estou nótase un pouco menos porque estamos a beira do nacemento do Miño, que é unha terra fértil e húmida. Se vas a máis seco pode haber máis problemas. Xa recibimos chamadas de se se ía abrir a posibilidade de meter alimento convencional porque escasea a alfalfa ecolóxica e os gandeiros levamos mes e pico adiantados no consumo de forraxes porque non houbo os pastos do outono.
-¿Hai medidas para estes casos?
-Na agricultura ecolóxica está contemplado que en casos de escaseza se poda introducir unha cantidade de forraxe convencional. Existe esa pequena porta que se pode abrir. Está para casos excepcionais de moito apuro. Por agora non é o momento. A porta está aberta e cada ano que pasa hai secas máis fortes, a auga escasea cada vez máis. Para ó ano igual hai que valoralo se seguimos con este ritmo.
-¿Que lle recomendaría a quen quere producir en ecolóxico?
-Que se informe ben e que non se fixe só no sobreprezo do produto. Xa houbo desenganos. É moi claro no caso do leite, que se paga a 20 céntimos máis, pero despois chegan as restricións e a baixada de produción e non saen os números.
-¿E os consumidores?
-Hai moito fraude, sobre todo nos mercados. Hai xente que está vendendo por ecolóxico o que non o é. Ten que mirar que estea etiquetado e que leve o selo. Hai moita venda a granel na que se pode esixir certificado de conformidade e que ten que circular cun volante. Todo o mundo debería esixir e non deixarse enganar.
-¿Que están a facer?
-Estamos a traballar na normativa acuícola para os parques de peixe. Agardamos que estea lista a mediados de ano. Houbo varias demandas para linguado, salmón e outros peixes. De momento só están certificadas as bateas de mexillón e a colleita de algas e nas conserveiras os ingredientes que levan como o aceite, o pirixel ou o escabeche. Tamén andamos a voltas co porco, algo do que careciamos en Galicia.
«As tendas están nun erro cando aplican marxes do 60% ou 70% nos produtos»
«Imos pulsar o “stand by” nos queixos porque hoxe compensa bastante máis vender o leite»
«Para o ano igual hai que valorar medidas excepcionais se persiste a seca»