Patrocinado porPatrocinado por

Por que o cultivo de lúpulo pode medrar en Galicia

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

Participantes no congreso internacional deste mes, de visita nunha plantación de lúpulo
Participantes no congreso internacional deste mes, de visita nunha plantación de lúpulo CEDIDA

As posibilidades da planta estúdanse nun grupo no que participa o Campus de Lugo

29 dic 2023 . Actualizado a las 22:39 h.

O futuro do lúpulo en Galicia pasa por Lugo en xeral e polo Campus Terra en particular. As posibilidades de crecemento deste cultivo semellan amplas, e no estudo desa cuestión, dende hai anos, participa a Escola Politécnica Superior (USC). Esa escola do Campus de Lugo fai parte do grupo Lúpulos de Calidade, no que tamén están presentes outros organismos institucionais e docentes de Galicia e de Castela e León. Esa presenza explica, por exemplo, que investigadores de todo o mundo se reunisen este mes en Lugo dentro da xuntanza da Asociación Científica Internacional de Produtores de Lúpulo.

Javier Cancela, profesor da Escola Politécnica Superior e organizador do devandito congreso, non dubida das boas condicións de Galicia como lugar onde pode medrar o espazo dedicado a lúpulo. «Se se dá en Alemaña, como non se vai dar aquí», comenta. Lembra que a planta, cuxa vida útil pode chegar aos 25 anos, necesita auga, o cal non suporía, en prinicpio, un problema grave en moitas comarcas galegas. O papel da Escola Politécnica céntrase precisamente en asesorar sobre as regas.

A superficie con leiras dedicadas a lúpulo anda en Galicia entre as 15 e 20 hectáreas, segundo datos achegados por este profesor do Campus Terra. Se a alguén lle resulta unha cifra pequena, convén lembrar, como engade Cancela, que en España non se chega ás 600 hectáreas (unhas 550, di o investigador). Todo noroeste peninsular foi un territorio onde hai décadas este cultivo se podía ver, aínda que daquela tiña o control un organismo estatal. Hai uns sesenta anos, en Galicia había unhas 250 hectáreas de terreo dedicadas a lúpulo. O cultivo chegou a desaparecer, pero nos últimos tempos rexorde. Cidades coma Betanzos tiñan sede do organismo estatal que controlaba o cultivo.

Se agora a superficie pode medrar, as razóns non están soamente nas boas condicións do solo galego, senón que tamén hai que buscalas na evolución do mundo da fabricación e do consumo. Por unha banda, tense asistido a unha aparición de cervexas artesás, que necesitan moita menos materia prima ca as grandes empresas porque os seus elaboradores se moven en rexistros moito menores. Porén, nese mercado hai un trazo que pode axudar a estender este cultivo: Cancela comenta que eses fabricantes adoitan cambiar as características das súas cervexas cada pouco tempo, o cal fai necesario que se introduzan novas variedades da planta nas terras.

Boas perspectivas

Por outra banda, aínda amosándose prudente para concretar datos de consumo, o profesor non dubida de que o sector da cervexa semella pasar por un bo momento. «O consumo medra e hai unhas grandes perspectivas», afirma. Unha tendencia que se vén observando en países coma Francia amosa que o sector da agricultura ecolóxica non ten por que ser alleo a este sector: ao norte dos Pirineos, nuns dez anos multiplicouse por oito a superficie dedicada ao lúpulo ecolóxico, pasándose de 20 a 160 hectáreas.

Cancela non descoñece que parte dos elaboradores de cervexa artesá quedaron moi afectados polas consecuencias da pandemia, que se notou no sector agroalimentario e que pechou canles de distribución. Aínda así, cre que se trata dun cultivo que pode ser rendible e que paga a pena estendelo en Galicia e no resto de España.

Rendibilidade

Para explicar por que o lúpulo pode ofrecer unha rendibilidade que resulte atractiva, Cancela explica varias cuestións. En primeiro lugar, unha hectárea de terreo pode dar unha colleita anual de dúas toneladas e abondan 150 gramos para fabricar mil litros de cervexa. Así, cre que unhas seis hectáreas xa valerían para que unha explotación fose viable. Hai ademais unha vantaxe cuxas consecuencias aínda terán que agardar anos antes de ser efectivas pero que comezan a estudarse: estase a analizar o emprego da planta na elaboración de cremas, segundo explica Cancela.

Comezar o cultivo esixe un investimento duns 30.000 euros por hectárea, e a colocación de infraestruturas nas que medra a planta constitúe un dos principais labores. Ademais cómpre esperar ao terceiro ano para que a produción acade os niveis que se consideran habituais nunha explotación, e enfermidades coma o mildiu, ben coñecida polos viticultores, tamén son unha ameaza. De todos xeitos, Cancela di estar seguro de que o cultivo pode medrar en Galicia.

Alemaña é o gran produtor europeo con moita diferenza

A superficie dedicada a lúpulo en Alemaña é de 25.000 hectáreas. Trátase do primeiro produtor europeo, con gran diferenza sobre o segundo, pois a República Checa anda polas 4.000 hectáreas. España é o sexto produtor europeo, segundo explica Cancela. Outra razón pola que este profesor coida que o lúpulo pode estenderse é que xa que as condicións do terreo axudan, o aumento da superficie reduciría a dependencia das importacións.