Carlos Carrión agradeceu o traballo dos viticultores e dos traballadores
22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Paco & Lola celebrou este sábado o tradicional xantar co fin de reunir aos socios da cooperativa e celebrar o fin da vendima. A cita foi en Casa Rosita de Cambados e contou coa asistencia de 230 persoas, entre socios, traballadores e invitados. Ao acto acudiron tamén representantes dos concellos de Ribadumia, Cambados e Meaño, da Consellería de Medio Rural, da Deputación de Pontevedra e AGACA e asistiron ademais representantes da cooperativa veciña Martín Códax e da Fundación Rosalía de Castro e Fundación Manolo Paz.
Durante o xantar, o presidente da Cooperativa Vitivinícola Arousana, Carlos Carrión, agradeceu o traballo dos viticultores e dos traballadores e analizou a situación da cooperativa. «Está a ser un ano con dificultades e incertezas no eido económico, polo contexto xeopolítico como as guerras, a inflación es as decisións que se toman en lugares lonxe de aquí como son Frankfurt, Londres ou Washington, onde están os bancos centrais que deciden sobre os tipos de xuro. Todo iso afecta a capacidade de detraer diñeiro dos petos ou poder adquisitivo dos nosos clientes. Aínda así, no contexto do ano este está a ser mellor que as previsións realizadas», segundo indicou Carrión.
Tamén resaltou que este ano a adega deu os primeiros pasos na elaboración de viños a nivel internacional coa elaboración dun viño verde en Portugal, coas variedades de loureiro e alvariño.
«Todo iso sen descoidar a decidida aposta, realizada xa fai uns anos pola adega, polos viños de Garda, como poden ser o Vintage, Heritage o Escumoso Brut na liña do que marca co recentemente presentado Plan Director da D.O Rías Baixas, elaborado pola BCG», abundou o presidente.
Esta cooperativa é unha das máis grandes de Rías Baixas pois conta con máis de 430 familias viticultoras que suman 260 hectáreas de viñedo repartidas en 2.200 parcelas.