Patrocinado porPatrocinado por

Axudas para por en marcha laboratorios cooperativos no medio rural

la voz REDACCIÓN

AYUDAS

ARQUIVO ROI FERNÁNDEZ

O obxecto destas subvencións publicadas no DOG é promover proxectos de economía social nese entorno que axuden a manter poboación

22 may 2019 . Actualizado a las 09:54 h.

Buscar oportunidades de negocio no territorio para dinamizar a economía local mediante a localización de grupos de persoas que queiran poñer en marcha un proxecto mediante a creación dunha cooperativa ou sociedade laboral. Ese é o obxecto das axudas para poñer en marcha 20 laboratorios cooperativos e para gastos de constitución de 15 novas entidades postas en marcha pola Consellería de Economía e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). A idea é promover o emprendemento na economía social para fixar poboación e crear  riqueza no medio rural. As dúas liñas de axuda deste programa son compatibles e complementarias coas axudas do Aprol Economía Social e/ou Aprol Rural e coas destinadas ao asesoramento da Rede Eusumo.

A liña de fomento de laboratorios cooperativos no rural está dirixida a concellos de Galicia, mancomunidades de municipios e consorcios locais; asociacións de entidades de economía social; asociacións e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo e da economía social, do emprendemento ou o desenvolvemento económico ou local; e empresas privadas (entidades tractoras). O prazo para presentar as solicitudes rematará dentro dun mes, o 21 de xuño. 

Estas entidades, como apuntaron dende a Consellería de Economía, deben identificar unha oportunidade de negocio e seleccionar un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica nun determinado sector, ao que lle impartirán a formación específica necesaria nesa área de actividade, así como asesoramento e acompañamento. 

As axudas cobren ata o 80% dos gastos da actividade formativa, de titorización e asesoramento e gastos de coordinación asociados. A axuda máxima será de 15.000€ por laboratorio e 45.000€ por entidade promotora.

Ao mesmo tempo, a liña para impulsar proxectos empresariais colectivos está dirixida ás cooperativas ou sociedades laborais de nova creación constituídas como resultado dun laboratorio cooperativo no rural. Neste caso, a axuda cobre o 80% dos gastos de constitución e dos gastos de funcionamento durante o primeiro ano. A axuda máxima será de 22.000 euros por solicitude (cun máximo de 2.000 euros para os gastos de constitución e de 20.000 para os gastos correntes). O prazo para pedir esta liña de axudas rematará o 1 de outubro.