Antonio Alvite, presidente da cooperativa O Caxigo: «Se conseguimos transformar o noso leite, xa temos outra estabilidade»
GANADERÍA
Afirma que a sociedade é útil na Pastoriza e noutros concellos polos servizos que achega
25 may 2023 . Actualizado a las 18:09 h.Máis de trinta anos de historia ten a cooperativa O Caxigo, con sede na parroquia de Vián (A Pastoriza). Dese concello son case todos os gandeiros, se ben queda aínda algún de Abadín e de Riotorto. Uns vinte dos oitenta socios, con pequenas e medianas explotacións, dedícanse á gandería; os outros xa se xubilaron, pero empregan servizos da cooperativa. O presidente, Antonio Alvite (1976), ten a súa granxa na parroquia pastoricense de Úbeda.
-Alguén dudida de que é necesaria unha cooperativa para os gandeiros pequenos?
-Creo que unha cooperativa é favorable para todos os gandeiros, e máis para os pequenos. Unha cooperativa, ademais, é útil para os gandeiros e para a comarca, porque hai uns servizos dos que todos poden tirar proveito.
-Esta é unha cooperativa de pequenos e de medianos gandeiros. Pode ser máis necesaria por iso, pero que futuro ten?
-Houbo ensaios nos que tentamos a unión con outras, porque unha cooperativa ten o seu custe. Na nosa tenda compra xente que non é socia, e iso axuda. Creo que aí se ve a importancia da cooperativa, porque se non a houbese teríase que ir comprar a outros sitios. Unha cooperativa defende mellor aos pequenos gandeiros. Por exemplo, xente maior, con poucas vacas, está pouco áxil para xestións por internet; os que teñen explotacións algo grandes xa procuran facer as súas xestións. E os políticos falan do rural, pero o que fan é botar á xente. Tanta burocracia...
-Fai falta un número mínimo de socios, máis ou menos concreto, para que a cooperativa sexa viable?
-Si, pero non sabería dicir cantos. Cando se fundou a cooperativa, facíase, por exemplo, un retorno [da facturación] de leite, e había algún socio que achegaba case o dez por cento da facturación total.
-A xente é consciente da necesidade da unión?
-As empresas leiteiras son multinacionais; as do penso, tamén. Se non, non son importantes. Unha cooperativa é necesaria para que aos gandeiros lles fagan caso.
-Cada vez van quedando menos explotacións pequenas.
-Creo que sería mellor que houbese máis explotacións e máis pequenas. Unha explotación pequena xestiónase mellor; outra cousa é que sexa viable, porque se necesita un mínimo de vacas para poder vivir.
-Ten futuro no campo, cunha explotación pequena, un gandeiro novo?
-Non moito.
-Cal é, entón, a solución?
.-Se a soubese [ri]. O que está claro é que hai que ir cos tempos. Hai xente que está como hai vinte ou trinta anos e non se dá posto ao día. O que está claro é que hai que transformar o que temos.
-Como se pode facer iso?
-Con queixerías ou con outras iniciativas, pero falta formación na xente. Os gandeiros de leite sempre estamos nun vaivén, recuoperando e perdendo; non temos estabilidade. Se conseguimos transformar o noso produto, o leite, temos outra estabilidade e algo máis de seguridade. Hoxe sabes que che van recoller o leite, si; pero a que prezo?
-Como se pode dar ese paso?
-Non é tan doado facelo como dicilo, e fai falta preparación. Antes o que quedaba no campo era o que non tiña outra saída. Hoxe xa non é asi, porque levar a xestión dunha explotación non é doado: tes que saber de veterinaria, de economía, de leiras... Non é un traballo por intuición, como se fixo antes