Patrocinado porPatrocinado por

Manuel Vila: «Moexmu foi unha boa escola de aprendizaxe para o campo da Terra Chá»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Manuel Vila traballa na asociación que procura integración do colectivo xitano de Lugo.
Manuel Vila traballa na asociación que procura integración do colectivo xitano de Lugo. ALBERTO LÓPEZ

O presidente da asociación que comezou a organizar a feira de Muimenta di que o certame se converteu nun espello para os labregos chairegos

06 mar 2024 . Actualizado a las 20:58 h.

Os oitenta foron anos de transformacións no campo. A entrada de España na Comunidade Económica Europea (CEE) xerou inquietude pola aplicación das cotas lácteas, pero a modernización da maquinaria e a nova distribución do terreo que comezara coas concentracións parcelarias supuxeron un forte pulo para o sector. A Semana Verde de Galicia vivía en Silleda os primeiros anos e a feira de mostras de Vegadeo —que xurdira nos anos sesenta e onde xa se celebraba antes un coñecido certame de gando, a Silvallana— amosaban eses novos aires.

Nese contexto xurdiu, en 1985, a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), cuxas primeiras edicións foron organizadas pola Asociación Cultural Iglesia Alvariño, daquela presidida por Manuel Vila. Os comezos non foron doados, porque había máis entusiasmo nos organizadores ca vontade de apoio nas administracións. Despois de organizar a primera edición, a gana de continuar puido máis ca os atrancos. «Seguimos adiante sen axuda de ninguén, pero conseguimos implicar ao pobo», lembra Vila. «Ninguén nos deu un peso para nada», explica sobre os primeiros tempos.

Foron anos de acondicionar terreos de Muimenta como escenarios da feira. No segundo ano (1986) houbo gando cabalar, e no terceiro (1987), vacún: así comezou a celebrarse o certame de gando frisón, o único que segue a celebrarse na provincia. Os veciños, que foran decisivos para que nacese Moexmu, deron conseguido, pouco despois, que Muimenta tivese colexio. O terreo onde se construiría usábase para a feira, co cal resultou necesario atopara máis expazo.

Vila lembra que se contactou con Camilo Neira, que vivía en Pacios (Castro de Rei) e que tiña terreos preto da saída de Muimenta a Meira. «Actuouse de xeito coordinado», comenta Vila sobre a compra, na que se investiu diñeiro (uns dous millóns de pesetas daquela) que recibira a comunidade de montes pola venda de madeira. Así se conseguiu o terreo do recinto feiral, onde hoxe continúa a celebrarse, cada mes de abril, a feira, que durante case vinte anos tivo lugar no mes de xullo.

O que era presidente de Iglesia Alvariño en 1985 recoñece que todo aquel traballo non só pagou a pena senón que acabou por converterse nunha semente de unión entre os veciños. «A Moexmu foi un espello para os labregos», di. Aínda máis, cre que o certame axudou na mellora do agro. «A Moexmu foi unha escola de aprendizase para o campo da Terra Chá, a xente vívea como algo de seu», afirma. Porén, non se acadou ese nivel sen esforzo: «Houbo unha época en que os sábados e os domingos non se facía outra cousa que ir traballar alí», lembra.

O recinto feiral de Muimenta leva o nome de Manuel Vila dende o 2006.
O recinto feiral de Muimenta leva o nome de Manuel Vila dende o 2006. CORRAL

Esas horas de entrega á feira eran, en certo xeito, máis necesarias ca noutros lugares porque a feira medrou cos coidados dos veciños, pero a colaboración institucional tardou en chegar. O 6 de xullo de 1985, na inauguración da primeira edición, o pregoeiro, Claudio López Garrido, louvou precisamente o esforzo veciñal. «Non recibistes ningunha axuda e non debedes nada a ninguén; isto é unha forma de construír o futuro, porque non hai que olvidar que quen come pola man de outro come moito e medra pouco», dixo.

Pensando en toda a comarca

Agora, case 40 anos despois daqueles comezos case heroicos, Vila subliña que as intencións eran menos modestas ca os medios. «Non se pensou só en Muimenta senón en toda a Terra Chá sobre as consecuencias que podía ter», di. Esa dimensión comarcal queda perfectamente reflectida todos os anos: importantes gandarías chairegas participan no concurso de vacas frisoas, empresas de maquinaria agrícola expoñen as novidades e produtos agroalimentarios e artesáns forman unha oferta que ollan milleiros de persoas.