Este barco naceu para transportar mercadoría pola ría de Arousa, fixo de bateeiro e agora é escola de navegación na Illa
30 mar 2021 . Actualizado a las 10:55 h.O Rei do Mar volverá este luns ao mar. En realidade sempre estivo aí -coa excepción das últimas semanas que houbo que subilo a terra para a súa posta a punto-, pero, para un veleiro coa súa historia, non chega con estar fondeado ou nun peirao. Estar no mar é navegar e despregar velas, sentindo o bater das ondas e empapándose de salitre.
En setembro do 2019 fixo a súa última travesía a Ons coa idea de volver levantar a áncora na primavera de 2020, pero chegou a pandemia e o galeón quedou parado. Mañá ao mediodía (luns) remata o seu particular confinamento e será botado na dársena do Xufre, preto de onde fixo a súa presentación pública en maio do 2012 coincidindo coa celebración das Letras Galegas.
O Rei do Mar é un dos poucos galeóns que foron rescatados do despece e do esquecemento e hoxe é unha das xoias da coroa da flota de embarcacións tradicionais galegas. Construíuse hai más de sesenta anos para transportar mercadorías dun lado a outro da ría de Arousa, logo foi barco bateeiro e, despois, caeu en mans da asociación cultural Dorna da Illa, que converteuno en barco escola para ensinar a maiores e cativos como se navega de xeito tradicional, cun casco de madeira e a vela.

En Dorna non se aventuran a facer un calendario de regatas porque co covid-19 nunca se sabe, pero contan con poder levar ao seu rei aos encontros que Culturmar organizou este ano, do 5 a 8 de agosto en Moaña, co permiso da pandemia.
Con sorte, o galeón sumará moitas millas antes desa data e con esa idea preparouse a conciencia. Vén de ser obxecto dunha reforma do seu velame principal, que pasa dunha vela maior de relinga a unha vela maior cangrexa. Esta transformación facilitará a súa manobra e, polo tanto, o seu funcionamento como barco escola. Foi posible grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, que en Dorna agradecen, como recoñecen tamén a labor que fai o Concello e o varadoiro do Xufre a prol da cultura marítima tradicional.