Diversiplás, o camiño para unha Costa da Morte máis sostible da man de Íntegro
SOMOS MAR
+ DIVERSO - PLÁSTICO | A redución de lixo mariño e a potenciación da inclusión das persoas con discapacidade nos ámbitos social e laboral son claves da iniciativa. O proxecto ten o apoio do Galp e o financiamento do FEMP
02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Forma parte do día a día. Vese en bolsas, botellas, vasos, globos... Está moi incorporado na rutina, mais o plástico acaba producindo efectos sumamente negativos no medio ambiente e, en definitiva, tamén nas persoas. Nada menos que 500 anos pode tardar en descompoñerse unha botella de plástico. Un dato alarmante, e máis aínda o é saber que, na actualidade, son máis de 150 millóns as toneladas deste material que lle restan vida e saúde aos océanos. A asociación Íntegro, con sede en Nantón (Cabana), ofrece estas cifras para poñer de manifesto que cómpre tomar conciencia «xa» e evitar «ao máximo» o consumo de plásticos se o que se quere é preservar o territorio e, en definitiva, que haxa futuro.
Ao fío de todo isto, a entidade puxo en marcha o pasado mes un proxecto ambiental con implicacións a moitos niveis. Denomínase Diversiplás, + Diverso -Plástico, e vai encamiñado á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca. Os seus protagonistas son diferentes axentes sociais da comarca, empezando polos propios usuarios de Íntegro, e a finalidade última, ademais desa axuda ao medio ambiente, non é outra que a de promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade, así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e da acuicultura. O lema desta iniciativa, Traballando dende a inclusión por unha Costa da Morte máis sostible, recolle ben todas estas aristas: a promoción da inclusión social e laboral das persoas con discapacidade preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando dinámicas de colaboración para a posta en marcha de algo do que se vén falando moito ultimamente, a economía circular. «Deste xeito, ademais de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, potenciarase a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito social e laboral», indican dende Íntegro. Coordinado por esta asociación co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo e de Pesca (FEMP) a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Diversiplás é un proxecto ambiental xurdido ao abeiro do programa Tanza.
Tan destacados obxectivos non van ser cousa dun día e, de feito, Diversiplás é un proxecto cuxo desenvolvemento está previsto en dúas anualidades, este presente 2021 e o vindeiro 2022. Son varias as liñas de actuación, e neste exercicio actual van encamiñadas á dinamización, asesoramento e formación e sensibilización. Nese primeiro campo, o da dinamización, inclúense actividades para sementar conciencia sobre a presenza e o impacto do lixo nas zonas costeiras, tanto en praias como no litoral ou en zonas marítimo-pesqueiras, poñendo en valor a utilidade da reciclaxe e do plástico. Doutro lado, o campo do asesoramento e formación no tratamento e valorización deste residuo está enfocado aos usuarios de Íntegro, e faise en colaboración coa Escola de Enxeñería da Universidade da Coruña e a iniciativa Fair Enough. Finalmente, o eido da sensibilización está orientado ao sector do mar, para mellorar as boas prácticas e reducir a presenza de plásticos na súa actividade diaria.
De cara ao 2022, está programada a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar, así como a posta en marcha dunha Rede de entidades colaboradoras, que aglutinaría a centros de ensino, Concellos ou confrarías da Costa da Morte, e que viría a ser a base para a xestión de puntos de recollida de plásticos cos que logo traballar. Nos deberes do ano actual, xa se veu empezando a traballar.
O Couto, Corme e Camariñas, as primeiras paradas
Eliminar algo que está facendo dano no medio, contaminando, e non só iso, senón ser capaz de darlle unha nova utilidade, unha segunda vida, é algo que ten moito de ciencia e de paixón. Dous polos que tamén están presentes no Festiciencia das Festiletras do Couto, en Ponteceso, iniciativa que lle dá moito protagonismo aos nenos e mozos. Ao futuro, por tanto. Coincidindo co mes de setembro, e nese ámbito de dinamización mencionado, as Festiletras foron precisamente o punto de encontro para a primeira actividade de Diversiplás. A idea non era outra que darse a coñecer entre a rapazada e, tal e como lembran desde Íntegro, activar así a futura rede de colaboracións cos centros de ensino do entorno para a recollida de plásticos. Ao longo desta xornada no Couto, realizouse unha actividade demostrativa do proxecto Precious Plastic, a cargo de Adrián Coira, colaborador de Diversiplás e experto en reciclaxe de residuos. El explicou o proceso de transformación dos refugallos. Unhas xornadas máis adiante, a comunidade de usuarios de Íntegro tomaba parte nun taller sobre o proxecto e varias actividades divulgativas arredor dos plásticos e do seu nocivo impacto no medio.
Xa se llevaron a cabo, doutro lado, os primeiros encontros con traballadoras do sector pesqueiro e marisqueiro, implicado na Rede de entidades colaboradores de Diversiplás. A idea era coñecer o seu día a día, dando visibilidade a un oficio tradicional e arraigado que cos novos tempos mesmo deveu arte. Sábeno ben, por exemplo, as integrantes de Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme. Complementos de moda, lámpadas, accesorios deportivos, mobiliario... pezas únicas e artesanais tecidas a man por unhas mulleres que a maiores de reparar redes, reciclan os útiles de pesca para darlles unha nova vida. Nesta velada en Corme, o día 15 de setembro, participaron case 30 persoas, podendo visitar o taller das redeiras e interesarse tamén por cuestións como as enfermidades e riscos laborais ou o asociacionismo. A xornada rematou co compromiso de futuras colaboracións na recollida e clasificación de refugallos e mesmo algúns usuarios da entidade cabanesa puideron probar sorte na confección de nós.
Algo máis adiante no tempo, o pasado 22, fíxoselle unha visita á Agrupación de Mariscadoras da Confraría de Camariñas, con case 75 persoas participando. Tamén elas saben moito da necesidade de preservar o medio natural da contaminación. Foi unha reunión interesante e participativa, para coñecer dende primeira liña, dende dentro, a profesión. Púxose de manifesto a importancia de manter limpo o litoral para que as zonas de marisqueo gocen de saúde: de feito, o día rematou cunha limpeza de microplásticos na área de O Ariño, en Xaviña. Tirouse de paciencia e traballo.
Axiña chegarán agora outras actividades de Diversiplás. Os interesados en colaborar e participar nas accións de sensibilización que se levan a cabo poden contactar co 650 961 649.