«Ofrecemos a experiencia de sentirse fareiro nun edificio cun século de historia»
![María Xosé Blanco Giráldez](https://img.lavdg.com/sc/YwO6lm-5QJPWFN6lEBssHChbjJw=/75x75/perfiles/1421862661052/1623078400618_thumb.jpg)
SOMOS MAR
![](https://img.lavdg.com/sc/G2seaFKRPJSz2WyZm1pu7T0gJ08=/480x/2021/10/20/00121634717582542715696/Foto/B29J1106.jpg)
Jesús Picallo avoga porque as administracións faciliten a cesión de faros e outros inmobles baleiros
20 oct 2021 . Actualizado a las 05:10 h.Coa vantaxe que supón una experiencia anterior, neste caso consistente en converter O Semáforo de Fisterra nun hotel, Jesús Picallo lanzouse á recuperación dunha das xoias patrimoniais de Carnota, o faro de Lariño, para dedicalo ao eido turístico. Aínda que o proceso estivo marcado pola pandemia, pois o negocio abriu as súas portas o pasado 10 de xullo, o balance que fai o empresario deste arranque non podía ser mellor.
-Como foi este primeiro verán do hotel Faro Lariño?
-É certo que xullo foi a medio gas, porque viñamos de abrir e o tempo tampouco axudou, pero en agosto remontamos e tivemos cheo todo o mes. A ocupación tamén foi moi alta en setembro e colgamos o cartel de completo na ponte do Pilar. Agora mesmo xa estamos collendo reservas para o vindeiro ano.
-A que se debeu esta aposta polo faro?
-Comezamos de fareiros no Semáforo de Fisterra hai cinco anos e a experiencia foi moi positiva, por iso decidimos repetila. O certo é que foi un labor duro, de loita burocrática, pero ao final conseguimos poñer en valor un edificio que estaba pechado e hoxe é unha referencia. Ofrecemos a experiencia de sentirse fareiro nun edificio cun século de historia, pois cumprirao precisamente o 25 deste mes. Poucos edificios hai que tiveran unha función tan altruísta como a de servir aos mariñeiros e agora o fin é servir aos turistas.
-Que outros atractivos ten o establecemento?
-Contamos cun minicentro de interpretación que, a través de 11 placas, pon en valor a contorna, con información sobre puntos de interese como o monte Pindo ou a fervenza do Ézaro. Outro puntal é a gastronomía, a través da taberna O Ariete. Aquí tamén é posible gozar dunha noite de temporal. E temos previsto ceder un espazo para a cultura local, para que se poidan celebrar presentacións de libros, exposición de pintura ou mostras de artesanía.
-Seguirá a empresa co proceso de expansión?
-Somos unha empresa con inquedanzas, iso está claro. Xunto co meu fillo, Jacinto Picallo, estamos valorando varias opcións, queremos seguir medrando e apostando por un turismo peculiar.
-Merecen outros faros ter unha segunda vida?
-Claro, porque son patrimonio de todos. Lembro vir a Carnota e ver pintadas pedindo que salvaran o faro. Hoxe está recuperado e Carnota pode presumir deste edificio. Hai moitas propiedades cerradas, non só faros, tamén fábricas de salgadura ou conserveiras. Eu avogo porque as Administracións faciliten a cesión destes inmobles, para que teñan unha segunda oportunidade.
-Cal é o maior obstáculo que tivo que afrontar no proceso de recuperación do faro de Lariño?
-A incoherencia entre as distintas Administracións e a lentitude, que fai que te aburras no intento. A maiores está o custe económico que iso supón.
-Como especialista na materia que é, que cre que busca o turista de hoxe en día?
-Busca o Camiño de Santiago, evidentemente, pero tamén outras rutas, como a dos faros, que nós tentaremos alongar cara a Corrubedo. Tamén hai interese polas sendas verdes e aí temos que incluír o monte Pindo. O turista de hoxe en día busca experiencias, busca desconectar da rutina do día a día.
-Marcou o covid un antes e un despois a nivel turístico?
-Sen dúbida. Agora os turistas queren hoteis pequenos, aqueles con 40, 50 ou máis habitación van telo complicado. Por iso Galicia está en auxe e este verán vimos como a xente descubriu Barbanza e a Costa da Morte.
-Será unha moda pasaxeira ou hai posibilidades de que perdure no tempo?
-Temos unha serie de fortalezas que hai que explotar. Ademais de paisaxe, cultura e gastronomía, está a profesionalidade do sector, que se nota na atención e no servizo. Por riba, aquí somos economicamente accesibles. Evidentemente, hai que divulgar máis o destino e aí os concellos deben xogar o seu papel. Non se trata de que cada un vista a súa camiseta, senón de aliarse co xeodestino.