Patrocinado porPatrocinado por

David Blanco, de Surf and Clean: «As ondas da Costa da Morte teñen que ser protexidas»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

RAFA CABAL

Madrileño, afincado en Mapica, dirixe xunto coa federación española un proxecto que ensina sobre a cultura deste deporte

25 ene 2022 . Actualizado a las 07:48 h.

Xerentes e directores deportivos de escolas de surf, sobre todo, e profesorado de centros educativos viviron unha fin de semana de formación na praia de Razo, en Carballo, sobre o que o madrileño afincado en Buño, Malpica, e da asociación Surf and Clean, David Blanco de Rojas (1978), denomina «cultura do surf», un termo que vai máis alá do deporte en si e abrangue o coidado do medio mariño, entre outras cuestións. Todo baixo o proxecto Aprende a través do surfing, dirixido en conxunto coa Federación Española de Surf e que está a piques de arrincar en numerosos centros de ensinanza de ata sete concellos da Costa da Morte e moitos máis en Galicia e noutras comunidades.

—Antes de nada, como foi o salto da Madrid a Buño?

—Tróuxome unha galega [ri]. Comecei a surfear no ano 1996 en Cantabria e vin para aquí no 2012. Pronto levei a cabo unha acción medioambiental co Concello de Carballo no que foi o primeiro obradoiro deste tipo para as escolas de surf. Chegamos a moitísimos surfistas. A entidade naceu como tal no 2014, pero xa levaba moito percorrido. A día de hoxe ten sede en Malpica, Carballo e Madrid, pero chega a moitísimos máis lugares. Fundeina cos meus irmáns (a pequena é ambientóloga e, os maiores, surfistas) e coa miña parella, pero ten numerosos asociados que colaboran. Non pode ser que nunha poboación na que temos o mar ó carón non se saiba como funcionan as mareas e que o medio mariño se asocie só ó traballo e ó medo e non ó lecer e todo pola incultura. É incomprensible estar só nunha praia todos os días sen ninguén máis. Máis tarde, no 2019, naceu o seminario de defensa dos espazos acuáticos naturais, posto en marcha por nós e recoñecido polo Consello Superior de Deportes. Démonos conta de que estabamos poñendo todo o interese en poñerse de pé nunha táboa, cando é algo que frustra á moita xente pola súa dificultade, sen usar o resto de modalidades que son máis inclusivas e transformadoras.

—En que consiste o proxecto Aprende a través do surfing?

—Ten tres patas. Por unha banda, búscase que o alumnado dos centros educativos aprenda a coñecerse mellor e supere obstáculos. Por outra, que se relacione con outras persoas a través dun deporte no que non é necesaria a competición, senón a colaboración, pois transmite outros valores como axudar a alguén en perigo e, despois, está a conexión co medio ambiente. O surf é un deporte que xera un vínculo moi grande co mar e que pode transformar certos hábitos na vida da xente que o practica. Por iso dende todos os estamentos se farán propostas de mellora da nosa relación co ecosistema para que todo isto non quede en falar sobre ecoloxía, senón en facer algo concreto cada ano. Desta primeira xornada de formación en Razo entre monitores e profesores que participarán na iniciativa, considerouse loitar nesta edición polo uso de cremas de protección solar que non conteñan compoñentes que contaminen o mar. Na meca do surf, en Hawai, é algo que xa se regula e non morreu ninguén [di entre risas]. Son pequenos xestos diarios que empezan a activarnos para un cambio, pois somos millóns de persoas as que nos bañamos con este produto. Trátase de facer comunidade.

—Que idades abarca e como serán as sesións?

—Trátase dun proxecto a medio prazo para que dende moi pequenos, os rapaces e as rapazas teñan un percorrido durante toda a etapa escolar para facer cultura. Temos centros de educación infantil, primaria, secundaria... Comezaremos entre o próximo mes e marzo coa teoría, por así dicilo, nos propios centros e, logo, ata xuño, levarémolo á práctica nas praias. A maiores, o profesorado dispón dunha plataforma en liña con moitos contidos que rompen paradigmas propios como o prototipo de surfista, varón e rubio.

—Cantas escolas de surf e centros de ensino participarán este ano na iniciativa?

—É importante mencionar tamén ós concellos, que en moitos casos asumen o rol de organizador destas xornadas e, tamén, ás federacións, sobre todo, a maiores da española, a galega, que dende sempre colaborou e está fomentando este programa. Outras entidades como a Deputación están, así mesmo, por detrás. Neste 2022, seguimos crecendo. En plena pandemia, a acollida foi moi boa con máis de 2.000 persoas implicadas. Este ano haberá unhas vinte escolas de surf de Galicia, Asturias, Andalucía, Baleares e Murcia; concellos dende Valdoviño a Camariñas, e moitos máis centros, pois nalgúns lugares desenvólvese en varios e súmase todo o alumnado!

—A Costa da Morte é a zona con máis entidades involucradas no programa. A que se debe?

—Si, Camariñas, Laxe, Malpica, Carballo, Cabana, A Laracha e Ponteceso forman parte. A Costa da Morte é das máis conservadas do litoral nacional. Ten uns tesouros a nivel de ondas que teñen que ser protexidos. Unha das cousas que tamén reclama o proxecto é que sexan recoñecidas como patrimonio, que nos deamos conta do que temos, que o desfrutemos e que o coidemos. Unha onda é máis antiga que un castro e ten un valor paisaxístico e económico moi elevado. A sociedade non é consciente porque como se teñen que dar unhas condicións específicas...

—Que opina de que este litoral sexa candidato a ser reserva mundial de surf?

—Todo o que estea ligado ós nosos intereses de protección, benvido sexa. En Aprende a través do surfing os concellos son aliados fundamentais para aproveitar dunha vez por todas o potencial que teñen. Deben sumarse moitos máis!