Patrocinado porPatrocinado por

González Casares: «Hai que explorar todas as vías, non fiar todo á xudicial»

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MIGUEL SOUTO

O eurodiputado socialista reclama unidade de acción ante un acto de execución que «é inaceptable»

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A aprobación das 87 vedas foi, para o socialista González Casares (A Coruña, 1972), sorpresa relativa. Máis que nada porque vén dunha institución que xa adoita dar máis peso ao piar medioambiental da sostibilidade que ao social e ao económico. Pero neste caso a escora é tan pronunciada, sen ademais xustificala con datos científica, que non se pode deixar pasar.

—Pódese dicir que é o golpe máis baixo da Comisión?

—Tivemos vedas, especies pechadas durante moito tempo (aí está o da cigala), pero isto... Isto é pechar inmensas áreas do océano á pesca de fondo. Se de verdade houbese problemas claros e documentados, pois habería que ver como se actúa. Pero non, é un ataque á pesca de fondo moi directo e sen xustificación, saltándose algúns trámites de audiencia, administrativos, e facendo caso omiso ao que lle dicían algunhas partes. Por tanto, para nós, a Comisión extralimitouse totalmente. Incluso no alcance nos parece brutal, tantas áreas! Hai moita xente en contra, non só na Eurocámara, tamén nos Estados membros e no sector, que é todo un clamor.

—Parece que Sinkevicius lles fixo luz de gas cando se reuniu con Formoso e con vostede e lles dixo que se ía revisar a proposta.

—A nós naquela entrevista xa nos quedou claro que esa revisión ía ser a futuro. Que primeiro ían ditar o acto de execución e que despois se revisaría. Iso deixámolo moi claro. Teño que dicir que non foi unha reunión ao cen por cen cordial, porque trasladamos as nosas preocupacións, expresámoslle o descontento coas vedas e anunciamos iniciativas como a recollida de firmas nas confrarías. Sabiamos en que punto se estaba e o que dixemos é que esa revisión que recolle o regulamento de augas profundas tense que facer o antes posible. Cremos que coa mellor ciencia na man, a decisión pódese corrixir, pero non nos imos quedar parados ata entón e deixar que se poña en marcha o acto de execución sen dicir nada. Nós estamos co sector pola unidade de acción de todos os grupos políticos e as institucións e creo que temos todos moi claro cara a onde debemos camiñar.

—Cara a un recurso ao Tribunal de Xustiza da UE?

—Primeiro, como calquera acto deste tipo, está a posibilidade de presentar un recurso administrativo. Ademais, España tamén quere meter isto na orde do día do próximo Consello de Pesca, así que hai que discutilo e, logo, quedaría esa vía xudicial, pero xa veremos... Sería interesante tratar de suspender cautelarmente o acto ata que, polo menos, haxa informes científicos. Cremos que esa vía debe ser tamén explorada, máis alá da vía política, que ten que seguir funcionando. Non podemos fiar todo á vía xudicial e meternos nun preito que, ademais longo, pode non conseguir os resultados esperados, hai que ver todas as vías posibles e ir traballando niso, pero con unidade de acción pola pesca galega.

—Se cre que a Comisión se extralimitou, entenderá ao Goberno de España se finalmente decide non recorrer ao tribunal?

—Non podo falar polo Goberno central, pero supoño que haberá avogados do Estado, técnicos, diplomáticos e xurídicos que verán cal é o mellor camiño. Eu teño claro que, como eurodeputado e membro do PSdeG, non me vou dar por contento se continúa este acto de execución tal e como está. A nosa postura seguirá sendo de belixerancia. Pero tamén se pode chegar a acordos para buscar a suspensión, por exemplo. E, por suposto, a vía xurídica. Pero iso son moitos futuribles e ao que nos temos que cinguir é a facer a máxima presión e non abrir fendas nós mesmos, porque todos cremos que iso é inaceptable. Esa debe ser a estratexia: unidade ante un acto de execución que é inaceptable.