
A autora Ana Cabaleiro visitou Malpica para falar dalgunha das súas obras recentemente publicadas
29 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A biblioteca malpicá acolleu onte un encontro literario coa autora e xornalista estradense Ana Cabaleiro (1974), que debullou cos presentes especialmente a súa obra As Ramonas, unha novela coa que gañou o Premio García Barros. Unhas horas antes desta conversa cos seus lectores, daba en Radio Voz Bergantiños a súa visión da literatura galega actual: «Sempre parece que está nun punto negro, que vai desaparecer, pero eu teño unha visión moi positiva. Creo que nunca tanta diversidade houbo», comentou a autora durante a súa intervención.
—Con ganas de entrevistarse hoxe [por onte] coa xente de Malpica?
—Faime bastante ilusión, a verdade. A nivel persoal en Malpica só estiven unha vez, que ademais fun visitar as illas, pero hai tanto tempo que nin sequera escribira ningún dos libros. Así que, como autora, é a primeira vez. E como son unha escritora de terra a dentro, de interior, teño sempre moitísima curiosidade por ver como se perciben e len as miñas obras noutros lugares, neste caso na costa.

—Pode que fisicamente non teña vido moito, pero mentalmente si que fixo algunha que outra visita, e así quedou patente no seu relato «Sapos e sereas».
—Así é [ri]. Sapos e sereas foi un relato difícil para min, precisamente polo feito de ser de interior. Tiven que facer moito traballo de documentación e imaxinación para intentar trasladarme mentalmente a unha zona de costa. Sentín un pouco de síndrome da impostora, porque sempre intento escribir sobre cousas que coñezo e a costa non a coñezo dende dentro. Esa foi a única incursión literaria que fixen no mar.
—Ten unha aura moi literaria.
—Con todo o respecto para a xente do mar, pero o tema dos naufraxios e da loita entre os humanos e o mar dá moitísimo xogo literario. Sobre todo para facer eses relatos que teñen unha certa épica e traxedia. Sempre recordo algo que di Suso de Toro, un autor ao que admiro moito, e é que escribimos dende a ferida, non dende cousas que nos fan felices. Neste relato traballei cuestións que están no imaxinario cultural e identitario da nosa terra: esa forza que ten a zona de Fisterra a tódolos niveis, pero sobre todo nese mar tan tráxico.
—Goza deste tipo de encontros cos seus lectores?
—Moito, é o que máis me gusta facer unha vez que a obra está lida e publicada. Non é como as presentacións, que tes que convencer á xente de que che merque o libro; cando xa está lido levas moitísimas sorpresas, mesmo coa maneira na que a xente imaxina aos teus protagonistas. Iso enriquece moito.

—Habería que revisar os contos dende unha perspectiva de xénero?
—En xeral creo que habería que facer unha revisión de como se contan as historias. A min, particularmente, gústame reescribir dende outros puntos de vista, e de feito en Sapos e Sereas fixen un epílogo revisando a maneira na que se recolleu a figura da muller na Biblia. Creo que, como lectores, gústanos que se nos ofrezan outras miradas, outras visións. A min gustaríame facer un libro como , con relatos de corte feminista, polo menos cada dez anos. Así tamén vería como vai mudando a miña visión literaria.
—Como foi iso de cubrir informativamente uns premios (García Barros) que acabou gañando vostede con «As Ramonas»?
—O meu primeiro destino profesional foi a radio municipal de A Estrada, e é precisamente o Concello, xunto coa editorial Galaxia, o que convoca o premio, así que durante varios anos fun a encargada de cubrilo. Eu sempre quixen ser escritora, pero foron pasando os anos e non daba empezado. Cando fixen a miña primeira novela tiña claro que, de presentarme a algún certame, sería este: sería como pechar un círculo. E cando o gañei e o tiven que recibir case non daba falado da emoción.
—Fálenos de «As Ramonas».
—Falamos dunha novela protagonizada por unha muller que non é para nada exemplar, pero que é moi real e que está pasando por un momento persoal moi malo. Loita por ser unha gran fotógrafa artística, pero polo medio pásanlle moitas cousas, como perder tódolos puntos do carné, o que a obriga a desprazarse en coches comunitarios ou que a leven a todas partes. Toda a novela, que traballei en bastantes clubs de lectura e que suscitou opinións moi dispares, sucede dentro dun coche entre Silleda e Santiago
—Segue indo a cursos de escritura, mesmo tendo xa publicado.
—Si, e reivindícoos moitísimo porque eses contactos fanche reflexionar e coñecer outras perspectivas. De feito, as ideas dos meus libros naceron en cursos coma estes, nos que coincidín tanto con xente que non tiña nada publicado como con grandes autores como Marta Lado ou Suso de Toro. E a visión de todos eles é igual de válida.