Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día
Patrocinado porPatrocinado por

Fontoira, a tipografía meca para foliar os barcos que se puxo de moda

LEticia Castro O GROVE / LA VOZ

SOMOS MAR

Unha web permite descargar de xeito gratuito os fermosos deseños de base tradicional para rotular embarcacións que Rubén Prol e Lino Prieto botaron a andar hai dous anos

15 may 2023 . Actualizado a las 11:41 h.

A tipografía Fontoira está de aniversario. Dous anos van alá dende que Rubén Prol e Lino Prieto botaran a andar este fermoso proxecto co que dixitalizar as letras coas que se foliaban os barcos hai décadas. Unha iniciativa que xurde tras unha investigación que os levou a coñecer a historia de Raúl Fontoira, un mariñeiro do Grove, nado en 1938, que rotulou a man moitas embarcacións da localidade, e fóra dela.

Conservar o estilo de foliar os barcos parecía unha boa idea, non só para estender o seu uso a outros ámbitos, senón tamén para conservar dalgún xeito esa identidade mariñeira que caracteriza ao municipio. Neste tempo de vida tivo moito éxito, rotuláronse novos barcos con ela, como a réplica do bote salvavidas de Calafell Francisco Gorostidi de 1914, que foi feita por Astilleros Garrido e agora permanece nun museo en Tarragona. Tras el, moitas dornas foron rotuladas con esta tipografía, que se pode ver xa en moitos carteis publicitarios promocionando eventos que teñen que ver coa cultura marítima ou mesmo coa música, e que se utilizan nos azulexos para numerar vivendas ou en logotipos dalgúns establecementos.

Quizais un dos maiores logros desta letra é a estampación en téxtil do Vill-4, que vén sendo a matrícula dos barcos do porto grovense. A idea, levada a cabo en colaboración con Serigrafía Meu, do colectivo Grovemakers, converteuse nun dos agasallos máis codiciados por propios e foráneos, que ven nesta historia a maneira de levarse a casa un chisco da esencia do Grove. Semella interesante ter conseguido tanta visibilidade en tampouco tempo, e cabe preguntarse se co seu uso nas embarcacións se conseguirá un estándar de rotulación que se dá, segundo teñen investigado Rubén e Lino, en zonas como Portugal ou Brasil. «A verdade é que neste aspecto o señor Fontoira, que é o verdadeiro protagonista, conseguiu moito. Merece unha centola de ouro, ou dous», subliña Rubén, que está contento por ter dado a coñecer á xente como se foliaban os barcos «ten un significado e esa labor de divulgación é interesante», comenta.

A fonte tipográfica está dispoñible nunha web onde os usuarios poden proceder á súa descarga. Ten unha licenza de uso gratuíta para uso persoal ou non lucrativo, e para fins comerciais solicítase una donativo «que se considere apropiado», sinalan os autores, así que cadaquén aporta o que cre xusto. «A experiencia dinos que canto máis pequeno é o proxecto no que se utiliza, máis grande é a consideración», conta Lino. Polo de agora levan 610 descargas, unha cifra que está bastante ben, segundo din, e coa que se amosan satisfeitos. O interesante é que a Fontoira se vexa, e non descartan traballar, se teñen tempo, nalgunha variación da mesma. Quizais podería usarse para darlle ás rúas ou a sinaléctica esa identidade diferenciadora. Unha idea coa que os autores estarían encantados. «A fonte é unha ferramenta que está para ser usada», di Rubén. «Si que nos gustaría que se asociara o seu uso ao tema corporativo ou á liña visual do Grove, sería marabilloso, unha boa homenaxe a señor Raúl que fixo ese traballo durante tantos anos altruistamente», defenden. Longa vida á Fontoira, e moitos éxitos.