A Comisión suxire que houbo un malentendido e que non ten interés en vetar as artes de fondo móbiles
SOMOS MAR
A responsable de Política Pesqueira para o Atlántico da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca ábrese a revisar o concepto de capacidade para facilitar a descarbonización da frota
17 may 2023 . Actualizado a las 04:45 h.Co seu plan de acción presentado en febreiro pasado, a Comisión Europea non está a impoñer nada, senón tratando de establecer un diálogo co sector pesqueiro e a Administración para afrontar «unha transición cara unha pesca cun menor impacto sobre os fondos mariños e os océanos». Así o aclarou onte Maja Kirchner, responsable de Política Pesqueira para o Atlántico, o mar Báltico e do Norte e rexións ultraperiféricas da Dirección Xeral de Pesca e Asuntos Marítimos (DG Mare) aos participantes na xornada A nova Estratexia de Biodiversidade da UE, organizada en Madrid pola Organización de Produtores de Marín (Opromar). En perfecto castelán, Kirchner tratou de puntualizar o que considera que foi un malentendido, porque o plan adoptado non contén «ningunha obrigación legal de Bruxelas para Madrid, Galicia ou Andalucía nin ningunha outra rexión europea». Que non hai neses documentos ningún imperativo legal para vetar o arrastre nas áreas mariñas protexidas (AMP) nin no 2024, nin no 2030. Son os Estados os que teñen que levar adiante esa transición, traballando nos grupos de traballo rexionais para acadar no 2030 as obrigas ambientais que xa están fixadas en directivas e regulamentos. Trátase, por tanto, «dunha invitación a España para abrir un diálogo e analizar os caladoiros para tomar medidas que reduzan o impacto nos fondos mariños», clarexou a responsable da DG Mare.
Porque se ben é certo que non é a pesca a única que impacta no mar, «si que ten un impacto claro» e do que se trata é de minimizalo. Kirchner viu normal que o sector pesqueiro sinta medo e tentou tranquilizado dicindo que a Comisión non quere eliminar a pesca de fondo con artes móbiles; ao contrario, para Bruxelas é importante que continúe a actividade, pero «con outras maneiras que teñan menos impacto».
E o mesmo acontece coa parte do plan que busca a descarbonización. A UE quere ser neutra en carbono no 2050 e ese é un reto que ten que asumir tamén o sector pesqueiro, que, ademais, terá beneficios de romper esa dependencia dos combustibles fósiles. Certo, admitiu Kirchner, que hai limitacións por motivos de capacidade, pero tamén dixo que moitos Estados membros teñen marxe de ata un 25 % para cubrir eses aumentos. Se non chega para afrontar o reto, haberá que ver de cambiar as regras. E buscar máis financiamento, porque os fondos de pesca non chegarán.
España pon a man no lume polo seu arrastre, que ten ben os seus «stocks»
Nas xornadas que onte se celebraron na sede do Ministerio de Agricultura, tanto a secretaria xeral de Pesca de España, Isabel Artime, como a súa homóloga portuguesa, Teresa Coelho, subliñaron que son os pescadores os principais gardiáns do océano, pois váiselles niso o seu sustento futuro. E que a estas alturas do século XXI non se entende unha actividade que non sexa sostible. Incluso o arrastre. O ministro de Pesca, Luis Planas, puxo a man no lume por este segmento da frota, perfectamente «compatible» co coidado do medio e que ten os seus principais stocks en bo estado.