José Antonio Pérez: «Esta é a peor campaña de Nadal de toda a historia para os mariscadores»
SOMOS MAR
O presidenteda federación galega de confrarías reclama axudas inmediatas para o sector «porque moitos quedaron sen nada»
13 dic 2023 . Actualizado a las 20:09 h.Facendo memoria, José Antonio Pérez Sieira (Ribeira, 1962) considera que «esta é a peor campaña de Nadal de toda a historia para os mariscadores» e a situación non ten moitos visos de mellorar para o colectivo. Os areais cada vez teñen menos produtividade, as distintas especies acumulan problemas para poder crecer e as sucesivas riadas provocaron que haxa pouca salinidade no mar.
—O cambio climático é o culpable de todo?
—Hai moitos factores, pero o cambio climático está influíndo moitísimo, estamos vendo que a temperatura da auga está a 25 e 26 grados. Segundo os biólogos, hai moi poucas correntes frías que son as que traen os nutrientes para dentro da ría. O que notamos é que moitos peixes se van para fóra, como a cabala: levamos dous anos moi malos porque está marchando para o norte buscando augas más frías. Porén, temos unha boa temporada de bonito e atún: nunca tivemos tanto na nosa zona, incluso do vermello, do melloriño, pero non se pode pescar. Vemos que hai especies de augas quentes que están aparecendo aquí, e o noso peixe se está desprazando para outros lugares.
—A isto engádese que as especies tampouco crecen.
—Non, hai moi pouco plancton na auga e as especies non engordan nin crecen, está pasando co mexillón e cos bivalvos.
—Hai quen fala de facer unha rexeneración das rías.
—Pero con que? A federación está metida no programa Redemar onde está o sector, a Consellería do Mar, as universidades e os biólogos, para que entre todos aportemos a nosa visión e ver como podemos atallar o problema. Estamos vendo que é moi difícil porque afecta a toda Galicia, non é un problema só dunha ría ou dunha especie. Non sabemos de que forma rexenerar isto. Se falamos de sementar, en Ribeira este ano sementamos moitísimo, en cambio non foi arriba. Podémoslle botar a culpa a mil cousas, pero ningún sabemos a causa exacta. Oxalá soubésemos por onde atallar o problema para facer o posible por arranxalo.
—E con criadeiros locais de especies autóctonas?
—Iso é o que estamos vendo que podería ser o máis factible. Se temos nós desove nas nosas concesións, esas especies si van arriba. Cando collemos ameixa pequena que retiramos dos puntos de control e a botamos nunha zona, aí si que cría a especie autóctona nosa que desova aquí mesmo.
—Como vai a tramitación para declarar as rías zonas catastróficas?
—Na federación xa tivemos una xunta executiva na que decidimos trasladar esta proposta á consellería e mirar a fórmula para que puidera entrar todo o mundo no tema das axudas. O que ocorre é que a tramitación de zona catastrófica é un proceso moi longo, que ten que ir ao Consello de Ministros, e nós o que precisamos son axudas xa, porque había familias que estaban reservando mariscos para a campaña de Nadal e quedaron sen nada. Realmente é unha catástrofe, segundo os datos que teñen os biólogos da Consellería do Mar. Nalgunhas zonas, como nos Lombos do Ulla, morreu sobre o 88 % da ameixa babosa, o 60 % da xapónica e o 45 % do berberecho. Desas porcentaxes pódese falar moito, pero tamén depende da cantidade de especie que haxa no banco.
—Que pasos vai dar agora a federación?
—Solicitamos unha entrevista co presidente da Xunta e co conselleiro do Mar para abordar a situación e intentar solucionar o problema de forma máis inmediata. Xa falamos coa directora de Desevolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e entregamolle un informe das vinte confrarías máis afectadas, que son as que teñen marisqueo a pé. Acordamos esperar ata o 30 de decembro porque hai marisco que aínda non morreu, pero que está moi tocado. Imos agardar a esa data para redactar os informes máis exhaustivos de como está a situación.
«Queren instalar os parques eólicos nas zonas máis produtivas»
Os malos resultados desta campaña de Nadal non só afectan aos ingresos dos traballadores, senón tamén ás confrarías «que moitas delas van quedar polo camiño, sobre todo as que vivan do marisqueo, porque non teñen ningún ingreso e si moitos gastos», advirte José Antonio Pérez.
—Poderán acceder ás axudas todos os mariscadores?
—Non todos porque hai que cumprir unha serie de requisitos. Xa o ano pasado se estivo nun cese de actividade, que por lei nos pertence porque estamos cotizando, pero moita xente das confrarías xa non poderían entrar nestas outras axudas. Nós o que pretendemos é que todo o mundo poida acudir a unha pequena subvención, polo menos para pasar estes meses.
—Teñen datos de canto se perdeu?
—Non, porque aínda están as asistencias técnicas facendo os informes de todas as confrarías. É certo que baixaron os ingresos, pero non en proporción á catástrofe que houbo. O pouco que se colleu tivo moi bo prezo, tanto o marisco como o pescado, e palía un pouco as perdas.
—A situación no sector vai a peor, está en perigo?
—Si, nós estámolo vendo día a día, cada vez hai menos barcos. O marisqueo sempre foi aguantando do desemprego canto había doutros sectores, pero estamos vendo que se están desguazando moitas embarcacións, e que a xente queda polo camiño porque temos moitas trabas. Ademais dos problemas naturais, está a redución das cuotas de pesca, e agora queren instalar os parques eólicos mariños nas zonas máis produtivas que temos para a pesca galega. En Galicia metéronnos o 45 % dos parques de toda España, temos moi pouco espazo e a frota máis importante. Somos 5.500 barcos galegos de 9.000 que hai en toda España.
—Outro problema está nos vertidos das minas de San Finx?
—Antes de facer as cousas hai que miralas ben, hai que limpar a auga contaminada e haberá mil formas de facelo, o que estamos seguros é que non se poden facer vertidos ao mar, e moito menos contaminantes.