Patrocinado porPatrocinado por

José Manuel Rosas, presidente da Federación Provincial de Confrarías: «Os políticos teñen que poñerse mans á obra, vir á praia e mirar os bancos»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

José Rosas, patrón maior de Bueu e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra
José Rosas, patrón maior de Bueu e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra Ramón Leiro

O sector marisqueiro das Rías Baixas augura un mal ano para o 2024

05 dic 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

A enorme perda de bivalvos que sufriron os bancos marisqueiros das Rías Baixas este outono causa gran inquedanza nas confrarías sobre o 2024.

—Como valorades desde a federación de confrarías o que pasou nas Rías Baixas este outono?

—Cremos que foi unha catástrofe natural. Estamos en Galicia e aquí soe chover abundantemente, pero é que este ano estivo mes e medio sen parar de chover. Viñeron enchentes, riadas, baixou a salinidade e houbo mortalidades masivas en todas as rías da provincia. Hai sitios nos que chegou ao 90 %, polo que estamos a vivir unha situación moi complicada. E eu coido que aínda estamos na punta do iceberg, porque a repercusión vaise notar o ano que ven. Agora no Nadal a xente aínda pode quitar un xornal, pero a costa de xaneiro e de febreiro non vai se unha costa, vai ser moito máis, porque ata que se recuperen os bancos vai tardar.

—E que se pode facer?

—Na provincia de Pontevedra, e nas Rías Baixas en xeral, o número de mariscadores é moi grande e esperemos á sensibilidade dos políticos, tanto do Goberno central como da Xunta, para que se busquen medidas. Xa o dixen noutra ocasión. Son necesarias medidas excepcionais ante casos excepcionais. Eu non recordo algo igual, e levo no mundo das confrarías moitos anos. Non recordo cousa como esta.

—Nin sequera no 2006 cando as riadas encheron os bancos de cinza e tamén houbo mortalidades?

—Non. No 2006 as riadas foron en zonas moi puntuais, pero neste ano, non sei o porqué, se é que inflúe o cambio climático, a baixa salinidade a auga doce, formaron unha cocteleira que fixo unha mestura explosiva. Converxen moitas circunstancias e entón o tema é moi preocupante.

—Ve viable a declaración de zona catastrófica para o sector nas Rías Baixas?

—Eu véxoo viable. A nós non nos importa o nome que se decrete, sexa zona catastrófica ou de emerxencia, ou do que un queira. A realidade é que unha alta porcentaxe do marisco galego morreu e unha elevada proporción dos mariscadores vai quedar desprotexido. É certo que unha protección bastante máis ampla é o da zona catastrófica, pero a nós non nos importa a fórmula, aquí o que hai é que os políticos teñen que poñerse mans á obra, vir á praia, mirar o que está pasando nos bancos, facer estudos e ir polo miúdo para ver o que pasou nas distintas zonas. Hai que articular axudas porque senón, isto vai ser un desastre para o sector dunha magnitude que non se recorda de nunca antes.

—Ría por ría, que lle transmiten as confrarías?

—Recibo a mesma mensaxe de todas. Vigo está catastroficamente mal. En Arousa xa viñan arrastrando una baixada de produción importante e o que pasou agora veu colmar a gota de auga do vaso. Pontevedra gozaba dunha saúde impresionante. O saco da ría de Pontevedra tiña unha saúde moi boa a nivel recurso e veu esta chuvia continuada e os datos están aí. Vin os datos de Pontevedra e a mortalidade na ameixa pasou do 70 % no berberecho do 92%. Entón, isto non ten precedentes.

—Senón fose por isto, como sería o 2023?

—A xente tiña esperanzas de que este ía ser un ano bo, porque había falla de marisco noutras partes, e en Pontevedra, por exemplo pensaban que, tal e como estaba a ría antes das choivas, ían ter unha campaña de Nadal excepcional. Agora quedaron como os demais veciños, Arousa e Vigo, nunha situación moi complicada.

—Fálase moito da ameixa pero, como está a navalla?

—É unha especie que está un pouquiño máis ao fondo e, entón, non é o mesmo nunha praia que cando o mar baixa queda en seco unha franxa de terreo ampla, e lle está chovendo enriba e está na auga doce si ou si. A navalla está a algo máis de profundidade e aguantou mellor, aínda que houbo mortalidade. O banco de Pontevedra, por exemplo, ten moi boa saúde e sufrirán ao mellor un pouco pero non é para comparar co marisqueo a pe.

—E a ostra, que tan importante nalgunhas rías?

—A ostra en Arcada non existe e estase nun proxecto de recuperación. Os únicos bancos que se estaban explotando aquí eran os de Pontevedra, por dentro de Tambo, como en Lourizán, e creo que tamén en Noia, e algo en Ferrol. O que pasou coa ostra é un desastre máis porque estaba crecendo e mirábase vir e non quedou nada. Aquí no banco de Lourizán, que era normal encontrar unha ou dúas tiñan unha cantidade de ostra impresionante que ía ter o seu plan de explotación, pero con esta auga ao mellor morreulles máis do 90 %.