Patrocinado porPatrocinado por

O encoro Barrié de la Maza e o marisqueo na ría de Muros e Noia

Daniel Formoso PRESIDENTE DA FEDERACIÓN PROVINCIAL DE COFRADÍAS DE PESCADORES DE A CORUÑA

SOMOS MAR

Mariscadores de Noia intentando recuperar o marisco despois do temporal Kirk e o baleirado do encoro
Mariscadores de Noia intentando recuperar o marisco despois do temporal Kirk e o baleirado do encoro CARMELA QUEIJEIRO

A Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de A Coruña, absolutamente indignada ante a pouca sensibilidade dos responsables do encoro

13 oct 2024 . Actualizado a las 17:16 h.

Un ano máis o outono xa está aquí, e con el as choivas. Tras unha campaña nefasta para o marisqueo, en gran parte debido as copiosas choivas do outono 2023, e cos bancos marisqueiros tentando recuperarse, iniciamos unha nova estación de choivas que comeza con forza e ameaza de novo os noso bancos marisqueiros.

O da choiva nestas latitudes non é nada novo, e contra a climatoloxía non se pode loitar, e o igual que as choivas en outono, un ano máis os mariscadores da ría de Muros e Noia se enfrontan a un problema recorrente, o desaugado ou baleirado do encoro Barrié de la Maza, a poucos quilómetros da desembocadura do río Tambre, na ría, xusto nun dos principais, se non o principal, banco marisqueiro de Galicia. Un banco xestionado pola confraría de Noia pero do que viven a gran maioría de mariscadores e mariscadoras da ría, e de vital importancia para depuradoras e conserveiras da nosa comunidade.

A gran problemática con este encoro radica no momento do seu baleirado debido as copiosas choivas. Unha apertura das comportas do encoro significa un aumento máis que considerable do caudal do río Tambre, cun aporte repentino de auga doce na ría, a parte dunha importante corrente de arrastre, o momento en que este desaugado se produce é moi importante para minimizar os danos sobre os bancos marisqueiros.

Esta Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de A Coruña mostrase absolutamente indignada ante a pouca sensibilidade mostrada polos responsables do encoro ante os problemas que as súas accións provocan no sector marisqueiro da ría de Muros e Noia.

Son xa moitos anos que tanto dende esta Federación coma dende as Confrarías da Ría de Muros e Noia, especialmente dende a Confraría de Noia, se reclama un protocolo para o baleirado do encoro, solicitando insistentemente que este desaugado se produza sempre en marea alta, para desta maneira minimizar os danos sobre os bancos marisqueiros. Somos conscientes da necesidade de abrir as comportas do encoro, e que as vidas humanas están por riba de todo, e ante unha situación de emerxencia podemos entender que produza esta apertura sexa cal sexa a condición de marea, pero non é esta a situación normal. Hoxe en día existen previsións moi acertadas de cantidade de choiva e polo tanto de canta auga pode recibir o encoro. Un protocolo adecuado podería asegurar manter o nivel de auga dentro duns limites seguros e abrir as comportas cando menos danen ao que en estes momentos é o principal banco marisqueiro de Galicia.

Non é novo o dano que o encoro causa sobre os nosos recursos marisqueiros, danos que, como nativo de Outes e mariscador dende fai máis de 50 anos, coñezo de primeira man, e non recordo uns danos tan profundos nos bancos marisqueiros, en especial nos de Noia, como os que suceden hoxe en día, campaña tras campaña. Os temporais e choiva non son novos, son de toda a vida e os bancos non sufrían estes danos. Eu non recordo estes danos pese as choivas, non obstante hoxe en día tras a apertura do encoro os mariscadores e as mariscadoras da ría encontran sempre unha paisaxe desoladora.

Dende a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de A Coruña non nos cansaremos de solicitar á empresa responsable do encoro, a Augas de Galicia e as consellerías competentes que teñan en conta as reivindicacións dun sector tan importante para a Ría de Muros e Noia como é o marisqueiro, que o único que pretende é protexer o seu modo de vida. Por un protocolo de desaugado do encoro consensuado por todas as partes afectadas, sempre que sexa posible, que as aperturas de comportas de produzan con marea chea.