Patrocinado porPatrocinado por

A traxedia do Albatros, 70 anos dun naufraxio con catorce vítimas

Xosé maría fernández pazos CRONISTA OFICIAL DE RIBEIRA

SOMOS MAR

O pesqueiro, con 12 tripulantes barbanceses, afundeuse á altura de Cedeira

15 nov 2024 . Actualizado a las 11:04 h.

Este 15 de novembro está marcado na historia da bisbarra como un dos sucesos máis tráxicos da costa galega, no que catorce mariñeiros perecerían no pesqueiro Albatros. Corrubedo sería o pobo do que procedían a maioría das vítimas, en concreto oito, dous de Muros e un de O Son, outro de A Pobra, Ferrol e Xixón.

O Albatros era un pesqueiro de 35 metros de eslora que faenaba no Cantábrico. A súa tripulación estaba formada por homes de distintas idades e orixes, moitos deles mariñeiros experimentados, pero tamén novos que se sumaron á tradición pesqueira das súas familias.

O 9 de novembro de 1954, o barco partiu de Xixón como facía habitualmente. A previsión meteorolóxica non anunciaba nada extraordinario e o mar parecía tranquilo na mañá daquel luns. O afundimento tivo lugar a seis millas de Cedeira. Segundo as investigacións, a causa foi un inesperado cambio nas condicións do tempo. A tormenta que sorprendeu ao pesqueiro estaba acompañada de fortes ventos e ondas xigantescas, factores que desestabilizaron rapidamente o barco.

O Albatros atopábase en rota ao porto da Coruña coa súa parella o Alcaudón cando o tempo comezou a empeorar, polo que decidiron adiantar o regreso. O buque informou a este último que debido o mal tempo chegaría a porto pasadas as oito da tarde.

Segundo a testemuña do único sobrevivente, o mariñeiro de Miño Juan Varela Fernández, a nave foi golpeada por unha enorme onda que a deixou á deriva, perdendo a capacidade de manobrar e controlando cada vez menos a estabilidade do casco. Inmediatamente outra onda inundou o barco, que comezou a afundirse de popa levantado a proa cara arriba e índose rapidamente o fondo.

No momento no que se envorcou, algúns tripulantes estaban en cuberta despois de cear e outros estaban no interior. Uns foron barridos da cuberta e algúns quedaron atrapados dentro da embarcación ou foron arrastrados polo mar.

O único supervivente narrou que puido subirse o bote salvavidas mentres os seus compañeiros lle indicaban que cando chegase ao mesmo o retivese e esperase por eles. Cando logrou subir desmaiouse durante uns minutos, mentres escoitaba as voces dos compañeiros que pouco a pouco ían perdéndose sen que puidera facer nada por eles. Doce horas estivo a bordo, ata que chegou á praia de Baldaio onde foi socorrido por veciños.

A historia do naufraxio conta con anécdotas e curiosidades como a que fixo que un dos mariñeiros quedara en Xixón xa que fora despedido, o que lle salvou a vida. Seu pai estaba no peirao da Coruña pensando que era unha das vítimas ata que o supervivente lle informou de que se salvara. Precisamente, Juan Varela, aínda que lle tocaba descansar, substituíu a un compañeiro enfermo.

Co paso das xornadas recuperáronse algúns dos corpos, un deles a altura de Fisterra unha semana despois de que tivera lugar o afundimento. Ese mesmo venres celebraríanse honras na parroquia coruñesa de Santa Lucía e o Estado enviaría axudas ás familias das vítimas.

Hemerográfico de La Voz

Con su suscripción puede acceder a todas las noticias publicadas en La Voz de Galicia, desde 1882 hasta hoy, buscando por palabra clave