Ana Otero, mariña e docente: «A figura da muller vaise normalizando na Mercante; na pesca é máis difícil»
SOMOS MAR
A directora do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo quixo ir ao mar dende ben pequena, e agora ela mesma forma os futuros navegantes
25 ene 2025 . Actualizado a las 19:57 h.«Se algo tiña claro, xa cando era ben pequena, era que quería ir ao mar». Dende o 2021, Ana Otero Domínguez (Morás-Xove, 1974) dirixe o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, o centro de referencia nacional para a formación en pesca e navegación de Vigo. Faino de xeito provisional, logo da xubilación da súa predecesora, ata que a Consellería do Mar culmine o proceso de integración do profesorado interino. Despois xa se verá, porque se algo lle gusta a Ana é o contacto cos alumnos, moi por riba da xestión. E o mar, claro, fonte de vida e recursos na súa casa dende sempre. «A miña nai era redeira, e chegou a traballar na factoría baleeira de Morás, que agora acolle un museo etnográfico. Tiñamos un tío, que non coñecín, que morreu no mar. Tamén o meu pai estivo sempre no mar, a diferenza de moita outra xente, á que lle ofreceron traballar en Alcoa cando se instalou a fábrica. El non quixo. O meu avó, o da casa, perdeu unha perna no mar, enganchoulla unha máquina. A el tampouco cheguei a coñecelo, porque morreu un ano antes de eu nacer, pero no faio quedou a perna postiza que usaba, e esas son imaxes que aos nenos non lle esquecen».
A pequena de tres irmás —María Luisa, outra delas, é patroa costeiro polivalente—, a súa primeira opción de materializar a vocación mariñeira apuntou á Armada, non á pesca. «Era a forma de entrar sen ter que estudar a carreira para logo ir ascendendo, porque quería chegar a capitá de barco. Así que me presentei á primeira convocatoria que houbo de soldado profesional. Pero fallaron as probas físicas», recoñece Ana cun sorriso. Cumpridos os vinte anos, ollou un cartel da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña, que promovía uns estudos e «unha profesión con futuro».
«O mesmo día da matrícula, o meu pai recomendoume non só que rematase a carreira, senón tamén que, cando o fixese, quedase na Mercante». E así foi. «Para sacar a diplomatura tiñas que navegar tres meses. Eu estaba tan a gusto no barco que acabei facendo seis e pensei en continuar. Ata que o meu mozo e os meus pais me convenceron para rematar a licenciatura. Volvín ao mar para acadar o grao de oficial e poder presentar o traballo de piloto da Mariña Mercante». Cando todo semellaba encamiñado, a posibilidade de traballar en terra coma docente e o feito de ter familia interromperon a súa traxectoria a bordo. Primeiro, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, coma mestra de Taller de Servizos ao Buque —«onde botei tres anos e fixen unha marabillosa amiga»— e a continuación xa en Vigo, onde nestes momentos dá clase de Navegación e Garda de Ponte no ciclo superior de Transporte Marítimo e Pesca de Altura.
«O primeiro barco no que estiven era da compañía CLH. Transportaba produtos refinados, sobre todo no Mediterráneo, pero era un buque monocasco, e cando se prohibiron por lei desfixéronse del. Logo naveguei en Transportes Marítimos de Alcudia, con carga rodada entre a península e Baleares, e de seguido nun carboeiro. A espiña que me quedou foi non continuar ata acadar o grao de capitán. E unha certa pelusilla por non navegar máis. Aínda que, claro, daquela o ritmo era de catro meses a bordo e dous na casa, e ao ter fillos era moi complicado».
Dende a súa perspectiva coma profesora, e coñecendo a evolución do sector, Ana entende que moitas cousas na Mercante foron a peor. «Cada vez hai menos navieiras españolas, e o mesmo sucede coas tripulacións. Aínda é corrente que os oficiais sexan españois, sobre todo vascos e galegos, que temos moi boa reputación no mar, pero a mariñeiría xa non».
Que conste que o relevo parece máis que garantido, xa que no instituto titulan cada curso profesionais ben formados e hai listas de espera. «O que lle pasa á xente nova é que moitos pensan que van rematar os estudos e ser xa patróns ou capitáns. E as cousas non funcionan así. Hai que facer días de mar, aprender navegando e agardar que haxa un oco. Os barcos son cada vez máis cómodos e dotados de mellor tecnoloxía, as tripulacións, máis curtas, e hai menos buque galego». Buscan, tamén, sobre todo buques grandes, «non pensan no cerco ou no Gran Sol, onde si se precisa xente».
¿E a situación da muller a bordo nun medio tradicionalmente adverso? «Nunca tiven problemas cando naveguei, sempre me trataron coma un máis, pero son consciente de que varias compañeiras si os sufriron. Na Mercante a figura da muller está máis normalizada. Na pesca é máis difícil, sobre todo na altura. As rapazas son tan válidas coma eles, e afortunadamente hai navieiras que empezan a apostar pola muller tamén na pesca». Onde non hai dúbidas é na aula: «A que mando son eu; se non estás de acordo, porta».
Mar polos catro costados. Un seu avó foi mariñeiro e perdeu unha perna no arrastre. O seu pai, patrón, e a súa nai, redeira. Unha das súas dúas irmás, Isabel, é patroa de baixura. A profesora recoñece que volta a casa sempre que pode: «Morás é unha aldea pequena, na que a vida é distinta, tranquila, relaxada, e permite desconectar», subliña dende Vilagarcía de Arousa, onde reside co seu home e os seus dous fillos.