Pesca comeza a ingresarlle a 700 barcos axudas polos sobrecustos de entre 366 e 286.700 euros
PESCA Y MARISQUEO
O novo paquete de subvencións suma 40,85 millóns, e seguen tramitando outros 48,75 para 3.345 embarcacións
25 jul 2023 . Actualizado a las 04:47 h.«En compensación polo incremento de custos produtivos provocados polo aumento do prezo do combustible, derivados da situación creada pola invasión de Ucraína», o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comeza a ingresarlle subvencións directas a uns 600 propietarios de 688 pesqueiros e auxiliares de almadrabas. As axudas suman 40,85 millóns de euros, e por embarcación oscilan entre 366 e 286.700 euros.
Os beneficiarios e as cantidades concedidas este ano a cada un aparecen detallados nas ordes oficiais. O obxectivo, explica Pesca, é «reducir os efectos nos prezos e mercados no sector». Cumprindo as directrices da Comisión Europea, o importe máximo a percibir por empresa non pode superar os 300.000 euros.
O pasado día 14, o ministerio anunciaba que o seu titular viña de firmar as novas ordes, publicadas o día 20. Aos 40,8 millóns que xa comezan a recibir os donos dos súmanse outro 7,5 millóns, xa abonados a outros 2.400 armadores. A mediados de mes, dende Pesca engadían que continuaban «traballando na resolución dos 3.345 expedientes restantes, que alcanzan un importe de 48,75 millóns de euros».
De 1.098 a 300.000 euros
As de auxiliares de almadrabas con motor poden ser de 1.098 euros. As de artes menores flutúan entre 1.100 e 6.621. Aos arrastreiros de litoral asígnanlles entre 6.404 e 99.119. De 2.697 a 43.071 euros van as dos cerqueiros que faenan en augas nacionais. Os barcos que pescan con volantas, rascos, palangres de fondo e atuneiros caneiros teñen opción a recibir entre 1.922 e 21.354 euros.
Cada palangreiro de fondo ou barco de artes fixas que opera nos caladoiros comunitarios poden beneficiarse dun máximo de 109.086 euros, independentemente da súa eslora. As outros censos de augas internacionais da UE ou NAFO, como atuneiros e arrastreiros conxeladores ou bacaladeiros, van de 253.929 a 300.000 euros. Os palangreiros de superficie poden recibir entre 10.428 e 258.650 euros, di o Goberno estatal.