Ten máis de sesenta mil seguidores nas redes (sociais), que atende cando deixa as redes (de pesca).
22 ago 2023 . Actualizado a las 12:32 h.Rogelio Santos (Porto do Son, 1977) é, posiblemente, o mariñeiro máis famoso de Galicia. Dende que comezou a compartir as súas reflexións en Facebook acumula ducias de miles de seguidores en todo tipo de plataformas. Como o fai? É difícil de dicir, o que é seguro é que fala moito. A partir de agora, lean as súas respostas utilizando a gheada e o seseo.
—Entre as redes do mar e as outras, non lle falta traballo.
—Eu son mariñeiro a xornada completa e non deixei de selo por esta nova faceta. A verdade é que non era consciente do que era isto, porque cando che gusta algo moito, falo e xa está. Pero si que hai un esforzo detrás. Non é só sacar as fotos, senón pensar como contar as cousas para que a xente as entenda, presentalo para que sexa interesante. E logo ler o que a xente che di.
—Uf. Moito choio.
—É que falando non aprendes nada. Aprendes escoitando os demais. Así que escoitando a outros mariñeiros que me escriben, ou xente da ciencia, doume conta de se me entenden, se lles preocupa, e iso axúdame a crear os contidos. Non o fago por conseguir likes, é por abrir una ventá ao mundo do mar.
—Canto tempo lle dedica ás redes, as sociais?
—Moito. Eu paso no mar unhas seis ou sete horas diarias como media. Nese tempo hai momentos mortos que podo facer cousas nas redes sociais. Se son sincero, as tres horas diarias non mas quita ninguén. Creo que estou sacrificando un tempo no que podería facer outras cousas ou estar coas amizades.
—No mar, traballa para vostede?
—Son traballador por conta allea. Traballo na Milena, que é unha planadora de sete metros co meu irmán, que é o patrón e armador. Eu teño tamén titulación de patrón de pesca, así que estou enrolado como segundo patrón.
—Moita xente monetiza o éxito nas redes sociais. Igual vostede acaba deixando a planadora.
—Eu non quero deixar o mar; é a miña vida e quero xubilarme nel. Toda esta actividade divulgativa pretendo seguir facéndoa. Cando creei a páxina de Facebook comprometinme a falar de temas do mar e da horta e nin falar de política nin cobrar por publicar. Tampouco pagar. Non penso monetizar as miñas redes sociais. É verdade que nalgunhas charlas ás que me invitaron cobrei os gastos de desprazamento. E declároo a Facenda, por suposto.
—Como empezou?
—Cando tiña 14 anos morreu meu pai nun accidente no mar. Deixei os estudos e fun traballar na casa e, con 18, empecei no mar. Como tiña a espiña cravada de non ter estudado, hai cinco ou seis anos púxenme a sacar a ESO. Saquei terceiro e cuarto e os profesores animáronme a que seguira co bacharelato. Agora fáltanme catro materias. O profesor de literatura díxome que lle chamaba a atención os comentarios de texto que facía e recomendoume que me expresase nalgún blog. Así que fíxenlle caso e comecei a escribir na miña páxina de Facebook. E vin que tiña moitísimo éxito. As respostas da xente animáronme a escribir máis.
—A verdade é que se lle ve moi solto.
—Hai uns anos pedíronme que estivese na comisión de festas da miña vila e, aínda que tiña moitas inseguridades e complexos, a experiencia marcoume para ben, fíxome perder medo.
—Síntese máis cómodo nunha plataforma que outra?
—Facebook permitíame usar textos máis largos. Pero nos últimos tempos, outras plataformas xa permiten textos e vídeos máis largos. Así que fun buscando a maneira de chegar a todo tipo de público. E estou empezando a collerlle o tranganillo.
—Onde diría que está o truco do seu éxito?
—O truco é que non hai truco. Teño 64.000 seguidores en Facebook, 30.000 en Instagram, 17.000 en Twitter e os de TikTok. E nos últimos tempos están aumentando como nunca. O que demostra que o galego non é un factor que limite. A xente da miña vila dime que o Rogelio das redes sociais é o Rogelio que coñecen de toda a vida. O que máis me din é: «Segue así». Dos que coñezo son a persoa das redes sociais que menos haters ten.
—Como está o mar?
—Eu, cada vez que saio, encóntrome un mar máis limpo. Cada vez hai máis conciencia, pero moitas das nosas rías non son tan produtivas porque durante anos sufriron moito e non se recuperan dun día para outro. Levará anos. O mar é nai, ten moitas posibilidades de futuro, pero temos que axudarlle.
—Que é o máis raro que sacou do mar?
—Nunca atopei un fardo de droga, se é iso o que me pregunta, ha, ha. Seguramente un peixe voador na zona de Corrubedo.
—Cal é o pescado que máis lle gusta comer.
—Ai! Tería que dicir o que menos me gusta comer, que é o congro.
—Celta ou Dépor?
—O Queiruga, que ademais este ano fíxenme socio protector.
—Moi ben, Celta ou Dépor?
—Ha, ha. Non podería dicir ningún dos dous.
—O pouco tempo que lle queda...
—Para a horta. Gústame mesturar ornamentais con froiteiras e legumes. Dáseme bastante ben.
—Como é vostede en poucas palabras?
—Son empático e de efectos retardados. E moi traballador. Encántame o traballo físico.
—A quen lle gustaría levar na barca?
—A todo o mundo.
—Unha canción.
—Ultimamente estou escoitando moito as Fillas de Casandra.
—O máis importante na vida?
—O amor e ser fiel a un mesmo.