Ramiro Ben: «Hai mono da pesca e ao volver da costeira renegas do bonito, pero logo tárdache»
PESCA Y MARISQUEO
Este mariñeiro cervense formou parte da frota de Rueta cando a praia era un fervedoiro coa actividade pesqueira
14 abr 2024 . Actualizado a las 12:27 h.Conta Ramiro Ben González, de 68 anos, que cando un médico que coñecía A Mariña lucense lle dixo que Rueta era dos lugares máis fermosos que vira, «enchéronseme os ollos de auga». Nesa fermosa aldea se criou e faenou este mariñeiro cervense, e nela reside, a uns poucos centos de metros dun impoñente castro e da «praia das areas gordas», esa á que fai referencia o conxuro da Queimada Popular de Cervo e donde se di que se bañan as meigas. A ponte do tren atravesa este singular areal onde desemboca o río Xunco, hoxe un emprazamento de postal e outrora un lugar de intensa actividade pesqueira.
Lanchas de baixura, cada unha con dous mariñeiros, saían pescar hai uns 50 anos na zona que temos diante dos ollos. Estamos sentados nun banco fronte á praia, nun día claro e soleado de abril. O único ruído e o das gaivotas, que se alimentan na area mollada. «Por aí diante faenabamos de inverno. Andabamos ao espello e colliamos nécoras ou centolas, ben delas. Ás veces 40 ou 50», relata.
Ramiro comezou a pescar con seu pai no 1973, nunha embarcación de nome María. «Ía con moito gusto. Daquela saiamos da escola con ganas de traballar no mar, tiñámolo metido na cabeza», recorda. Aprendeu «dos vellos, porque sempre hai que aprender deles», enfatiza. Os cartos dos rapaces ían sempre para a casa e co aforrado, pai e fillo mercaron unha lancha meirande, «pero el enfermou e nin puido estreala».
No verán, os mariñeiros de Rueta reforzaban os pesqueiros de Burela na costeira do bonito, todo un acontecemento socioeconómico na Mariña lucense. Ben explica que nunha soa campaña do túnido, que duraba uns catro meses, «gañabas para un coche e mesmo había quen vivía todo o ano. Non había obreiro en terra que gañase o quiñón do bonito. Falamos, nalgúns casos, do equivalente a uns 25.000 euros. Agora xa non se cobra tanto», lamenta.
Para Ben, que tamén foi a Gran Sol, a principal diferenza entre traballar en altura e en baixura era «o botar de menos». Naquelas mareas de 28 días lonxe da casa, apunta, «chegábache ben. De solteiro quizais non o notaba moito. Rabeabas por non ir ás festas de verán, aínda que para as do inverno tiñas o peto quente (ri). Pero de casado era outra cousa. Botabas en falta a xente, o ambiente...», indica.
Co paso dos anos, a actividade pesqueira foi minguando en Rueta e concentrándose noutras zonas. A lancha de Ramiro xa tiña a súa base en Burela, pero seguiu a faenar fronte á súa casa. «Parei de ir ao bonito e sempre pesquei por aquí. Coñecía cada recuncho, cada co seu nome», expón.
No Cabalo perdeuse un mercante holandés, nos anos 60. A tripulación tirou de bengalas para avisar á poboación local e así puido sobrevivir. O buque quedou para despezar.
A historia de vida de Ramiro é a dun home namorado da súa familia e do que foi o seu oficio, que continúa a ser unha vocación. «Do mar gustábame todo. Nada máis me levanto, o primeiro que fago é saír velo», ri. Asegura que lle tarda maio, o mes no que comeza a súa particular tempada da pesca recreativa. Daquela, e ata setembro, baixará a esta praia cada día para saír a pescar na súa lancha recreativa. Logo quedará vedada a campaña, posto que aumenta o risco. «A partir do verán hai que ter coidado, porque a marea ten forza e pódete empurrar onde queira», concreta.
Este mariñeiro cervense admite que eses poucos meses ao ano serven para quitar «o mono», posto que o mar tamén ten o seu particular síndrome de abstinencia. Está orgulloso do mantemento da súa fermosa casa de pedra e da súa horta, «pero os veráns son outra cousa, unha festa. Pinto, preparo e a pescar», afirma. Incluso nas duras costeiras do bonito «ao chegar dicías que non volvías nunca máis, pero logo tardábache ir», sostén.
A chalana de Ramiro forma parte xa da paisaxe da praia de Rueta, é un elemento máis dunha estampa espectacular. Moitas persoas da zona, entre eles nenos, subiron por primeira vez a unha embarcación no seu bote, o primeiro que tivo, como quen da a primeira volta unha volta nun parque de atraccións. Ao mariñeiro gústalle compartir a súa paixón polo mar. «Gozo eu tanto coma eles», aclara.
Ben lembra cando a praia de Rueta era un lugar donde se xuntaban «dezaioto homes, cada mañá, para ir á centola. Eramos a maioría rapaces. Uns fixéronse armadores, a outros cambioulles a vida, e a actividade pesqueira foise perdendo aquí», sinala. Con todo, Ramiro acepta sen excesiva nostalxia o paso do tempo. «Os tempos cambian», sinala.
Para deixar os botes a resgardo tiñan que facer un gran esforzo costa arriba. As centolas quedaban nunhas boias, e logo acudían ás lonxas. «Algunha ía vender peixe polas rúas, porque daquela non había unha venta centralizada», apunta.
Ademais de centolas, nécoras, agullas ou budións, Ben pescaba polbos coa nasa, aínda que lembra que ao principio, cando non estaban tan valorados, non se paraban a collelos porque os distraían da pesca máis lucrativa. Agora, cun pouco de pimentón, sal e aceite, son tan apreciados como a máis selecta das especies.
E sentados no banco fronte á praia, a conversa pasa nun abrir e cerrar de ollos. «De inverno séntome aquí, e quedo relaxado mirando para os meus sitios. É marabilloso», conclúe.