Nunca foron consideradas axentes importantes nos procesos históricos
28 oct 2024 . Actualizado a las 10:40 h.Mar e muller son dous termos que na Galicia mariñeira e no decurso da Historia, preséntanse unidos para quen saiba miralos. Mágoa que ata datas moi recentes, as mulleres nunca foron consideradas como axentes importantes nos procesos históricos. Afortunadamente, este baleiro bibliográfico xa foi corrixido, pero avanzar no camiño non foi doado e houbo que remar moitas veces contra corrente.
O papel da muller de mariñeiro estivo vinculado tradicionalmente ao coidado da casa, da facenda e dos fillos mentres que o marido se ausentaba durante as costeiras; pero o certo é que, ao longo da súa vida, chegaba a desempeñar os máis diversos traballos.
A súa vida laboral comezaba cedo, en torno aos trece anos ou incluso antes, despois de recibir unha moi elemental instrución nunha escola nocturna de pago (ante a falta de recursos, os estratos sociais máis humildes optaban por dar prioridade á instrución dos fillos varóns antes que á formación das fillas). Podían escoller entre os oficios de redeira, pescantina ou traballar na conserva.
As familias de mariñeiros adoitaban ter moitos fillos porque cantos máis houbese, máis peixe e cartos entraban no núcleo familiar. Se estes eran varóns, pasaban a maior parte do tempo, desde que aprendían a andar, no peirao, afacéndose así á vida que lles agardaba nun futuro nada afastado. Para as nenas reservábase a aprendizaxe da costura ou coser as redes.
É case descoñecido na costa luguesa o rol da muller mariñeira que se dedicase á pesca no mar. Pero si foron moitas as mulleres que, do mar ou dos seus produtos, obtiñan uns ingresos que contribuían a reforzar os acadados polos seus pais, maridos ou irmáns. Son as denominadas economías femininas, das que imos citar unhas cantas. Este termo, de connotacións máis etnográficas que históricas, foi acuñado por Xaquín Lorenzo (1983) para referirse á comercialización de determinados produtos, ao aproveitamento doutros, así como a realización de certas tarefas que complementaban a principal, desempeñada polos homes da casa. As mulleres contribuían desta maneira ao sostemento da economía familiar.
Coa chona, que era a parte de peixe que lle correspondía a cada mariñeiro unha vez realizado o reparto das ganancias (cando andaban ao bocarte e á xarda, dúas caixas eran para repartir entre os mariñeiros; mentres que na pesca de arrastre, repartíanse centolos e potas) a muller dedicábase a lañar ou curar algunhas especies destinadas a seren consumidas durante o inverno, cando o mar non permitía dispoñer de peixe fresco, vendéndose tamén os excedentes.
Outra actividade importante consistía en recoller por si mesma aquel produto que logo vendía. Trátase da recollida de bígaros, navallas, percebes, longueiróns, mexillóns, etcétera, que nas penas ou nos areais quedaban ao descuberto coa baixamar. Estas mulleres, nomeadas como as labregas do mar; son as mariscadoras. Esta práctica foi evolucionando ata converterse nun oficio diario e moi sacrificado, no que a xornada laboral comeza coa alba, ao aire libre e con auga ata os noelos, e acaba cando se leva o marisco á lonxa para a súa venda.
Pero tamén se encargan as mariscadoras de limpar a praia de algas para que non se asfixie o marisco, ademais de sementar novos bivalvos. O xeito de traballaren estas labregas é moi similar ao das que desenvolven o seu labor na terra, pois tamén realizan as súas tarefas agachadas, con sachos e angazos. Sementan, recollen e coidan o froito e, ao igual que ocorreu coas labregas de terra, as mariscadoras tardaron en ver o seu oficio recoñecido legalmente, despois de levar toda a súa vida dedicándose ao mar.
Hai que salientar como terceira economía feminina, a contribución feita pola muller á descarga das embarcacións cando quedaban varadas na praia, por non poder ou non ter lugar naquel momento, a posibilidade de achegarse a un porto ou dársena.
Outra función exclusivamente feminina era a venda do peixe. En canto o barco chegaba ao porto, os mariñeiros descargaban as capturas e, a partir de aí, desentendíanse das mesmas. Era a muller do armador quen se encargaba da comercialización de toda a pesca capturada. Logo estaban as chonas individuais das que cada unha dispoñía pola súa conta. Isto convertíaa na dona dos cartos e da despensa. O home só interviña cando se trataba de compras maiores (a casa, unha horta...) ou cando se trataba de mercar aparellos para a pesca.
Tamén había grupos de mulleres que acudían por conta propia á poxa dalgún lote capturado no trasmallo. Rematado o lote, a súa propietaria colocábao nunha patela, nun carabelo ou, de ser o caso, valíase das angarellas da burra para aliviar a carga que doutra maneira tería que levar na cabeza. Comezaba así unha particular peregrinación polas aldeas veciñas para vender ou trocar a súa mercancía por produtos agrícolas. Eran estas as pescantinas, mulleres de rexo carácter e desgarrada linguaxe, duras e heroicas como animais de labor, que percorrían quilómetros a paso rápido; ás veces descalzas, a miúdo rebentadas pola fatiga, pero sempre cun dominio a conciencia do seu oficio, tanto na arte de puxar na lonxa como despois coa súa clientela.
A economía feminina que vén a continuación consiste no labor paciente e delicado de ir reparando, baixo o sol do verán ou exposta ao frío vento do nordeste en inverno, as redes rotas polo peso da pesca, por engancharse nelas algún obxecto estraño ou porque unha tolina as desgarrou ao pretender tomar como presa a carnada que ficaba no copo. O traballo das atadeiras ou redeiras é un dos que ten máis peso no litoral galego. Comezaban a aprender o oficio da man dunha muller de máis experiencia. Con ela aprendían nas chabolas a diferenciar as distintas partes dunha rede e a coller pericia coa agulla. No caso de teren que coser o aparello do cerco, as redeiras facíano no porto ou nun campo próximo, incluso no barco, mentres que coas outras artes podían coser na chabola do propio armador ou tamén tiñan a opción de levar os aparellos para as súas casas, o que lles permitía compaxinar o traballo co coidado dos fillos durante todo o ano.
E xa, como última economía feminina (pero non por iso menos importante), figura a recollida de olga, traballo que requiría dun gran esforzo físico; primeiro para baixar á ribeira coas cestas e despois para subilas ?xa cheas- ao ombro.
Coa instalación de almacéns de salga, a muller vai adquirir un novo papel no proceso produtivo, xa que entra a traballar como empregada e pode achegar así un salario directo á economía familiar. A partir de 1880 as fábricas de salga vanse ver desbancadas polas conserveiras. En xeral, en ambas as dúas, a principal man de obra era a feminina: ao lado das mesas de clasificación e limpeza, dos autoclaves, dos fornos ou preto das máquinas de confección ou peche dos envases. As que ían á conserva tiñan sona de traballar con rapidez, con limpeza e eficacia, e ademais adoitaban cantar moi ben.
A muller de mariñeiro posúe un mando absoluto e conta co asentimento paciente do marido, que tan só goberna e decide inapelablemente sobre os mares.
A muller de mariñeiro posúe un vínculo silandeiro co mar no que ambos se amarran co lazo tráxico da angustia pola falta de novas dos barcos en días de temporal ou cando o mar acolle para sempre no seu ventre un ser querido.
A muller de mariñeiro ten engurras na fronte e os ollos entornados de tanto mirar para o mar.